Escoitar

Gran Xogo da Cidade na praza da Independencia

Unha serie de seres estraños e tolos roubaron cinco dos símbolos máis emblemáticos da cidade de Vigo: a Ponte de Rande, a oliveira, a praia de Samil, as Illas Cíes e a escultura dos cabalos. Son seres vidos de distintas partes e épocas, caprichosos e malvados. ¿Seremos capaces de recuperar os nosos símbolos? Para iso precísase enxeño, astucia e non ter vergoña.

venres, 18 mai 2007
Este é o argumento dun gran xogo que terá lugar, este sábado (de 17.00 a 20.00 horas) e domingo (de 12 a 14hs), na praza da Independencia. Con este fin será instalada unha carpa que acollerá as diversas actividades e será o punto de partida deste gran xogo.

A Concellería de Xuventude promove este evento co obxecto de ofertar un espazo de ocio saudable e interxeneracional, onde pequenos e maiores poidan compartir experiencias e pasar un rato agradable, ao tempo que coñecen lugares e datos importantes da nosa cidade, desenvolven a súa imaxinación e poñen a proba o seu enxeño e creatividade.

Este gran xogo está enmarcado dentro do programa de animación de rúa "Emprázate", organizado pola Concellería de Xuventude.