Escoitar

O Concello blinda o patrimonio arquitectónico do centro fixando o nivel de protección de 870 edificios

O alcalde de Vigo informou este venres da apertura do procedemento para contratar a redacción das fichas do Plan Especial do Ensanche e Cidade Central, polo cal revisaranse 870 inmobles da área entre a Alameda, o barrio de Casablanca e Romil para determinar o seu valor histórico e fixar o seu grado de protección. Abel Caballero explicou que o obxectivo é blindar a conservación do patrimonio arquitectónico do centro da cidade.

venres, 24 abr 2015
A Xerencia de Urbanismo celebrada este venres tomou coñecemento da aprobación dos pregos e apertura do procedemento de licitación para contratar o servizo de redacción das fichas do Plan Especial do Ensanche e Cidade Central, segundo o cal se revisarán 870 edificios para determinar o seu valor histórico e fixar o seu grado de protección dentro do propio Plan Especial.

Así o informou esta mañá Abel Caballero, quen apuntou que o obxectivo é blindar a conservación do patrimonio arquitectónico da zona centro de Vigo, xa que o ámbito de actuación atópase entre a Alameda, o barrio de Casablanca e Romil. O Concello de Vigo adica 40.000 euros a este traballo, que presenta un prazo de execución de 3 meses.

Por outra banda, a Xerencia de Urbanismo deu conta asemade da concesión de 13 licencias de obra e unha de actividade para un investimento total de 5.179.145 euros. Entre os permisos autorizados destaca o concedido a Pizarro Gestion SL para a construción dun edificio en Pizarro de 3 plantas soto para estacionamento, planta baixa para locais comerciais e planta alta para oficinas e zona comercial; proxecto que conta cunha superficie construida de máis de 16.700 metros cadrados e un orzamento de execución de case 4.050.000 euros.