Escoitar

Exposición "A Caza" de Elena Fernández

O venres, 24 de abril, ás 20:00 h, a Fundación Laxeiro (r/ Policarpo Sanz, 15, 3º andar) presenta a exposición individual titulada "A caza", de Elena Fernández Prada (León, 1971). O proxecto enmárcase dentro da investigación que a artista leva realizando nos últimos anos sobre os procesos de representación figurativa e a súa descontextualización.

xoves, 23 abr 2015
1429791311convite.jpg
"A caza" componse de diversas pezas formadas por imaxes extraídas dos tomos titulados Ciencias naturales y Curiosidades del reino animal, pertencentes á Enciclopedia Bruguera, editada en 1978, a partir das que a artista realiza un traballo de apropiación, descontextualización e condensación de imaxes para construír unha obra que evidencia o cambio da relación entre o home e a natureza nos últimos trinta anos. O propio título da exposición –A caza- fai referencia ao estrañas que resultan agora, vistas con perspectiva, as escenas que se recreaban en aquelas enciclopedias divulgativas, destinadas principalmente ao público infantil e xuvenil, nas que a violencia sempre estaba presente na natureza e na relación do home con esta.

A exposición componse de Isla, un mural realizado en tinta negra, aplicada directamente sobre a parede, que ocupa a totalidade de un dos panos da sala (600 x 250 cm.); a serie que da título á exposición, formada por cinco gravados realizados coa técnica de punta seca sobre papel e por tres tintas negras sobre papel; e un conxunto de retratos de diversas especies de simios, realizados en tinta negra sobre papel e expostos en vitrina, a modo de gabinete de ciencias naturais, baixo o título xenérico: Ellos.

Neste traballo están presentes elementos que son unha constante na produción de Elena Fernández Prada, como a relación entre a representación artística e a representación científica ou, neste caso, divulgativa; a caducidade da organización do saber e, por tanto, da construción do discurso científico; e a relatividade da representación figurativa como ferramenta de representación dunha realidade obxectiva.

"A caza" é a primeira exposición individual de Elena Fernández Prada en Galicia, despois das individuais Viaje a Surinam en La New Gallery, Madrid, en 2012 e Buscando la felicidad no Centro Tomás y Valiente de Fuenlabrada, en 2014. A artista ven de participar na exposición colectiva titulada Lo real maravilloso, no (MOT) Museum of Contemporary Art Tokyo en Japón, ademais de estar presente tamén na exposición colectiva titulada 1915-2015, una relectura del siglo, dentro do Festival SYMPHONOS que terá lugar os días 9, 10 e 11 de abril no Centro Cultural Conde Duque de Madrid.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 12 de xullo.
Descargar todas as imaxes

Máis información