Escoitar

A Concellería de Medioambiente levou a 300 persoas á ruta do Foxo do Lobo

O departamento que dirixe a socialista Chus Lago levou onte domingo a unhas 300 persoas a percorrer a ruta do Foxo do Lobo, na Serra do Suído, un dos novos traxectos programados da actual edición do "Camiño a Camiño". O percorrido, de alta intensidade, prolongouse durante 12 quilómetros nos que os participantes poideron aprender sobre a conservación e perigo de extinción do lobo gris na Península Ibérica.

luns, 21 mar 2011
1300714596rlobo1.jpg
Esta actividade de educación ambiental conxunta entre Vigozoo e o departamento de Medio Ambiente aportou aos participantes unha visión diferente do lobo, informando sobre a estimación de manadas actuais (350 entre España e Portugal), os diferentes grados de protección nas Comunidades Autónomas (en Galicia aínda está permitida a súa caza) e o elevado número de especies desaparecidas no mundo no pasado século.

De cara á ruta do próximo domingo do "Camiño a Camiño", os inscritos no teléfono municipal gratuito 010 poderán visitar as Covas do Rei Cintolo, a primeira das saídas programadas nesta edición, e que durará toda a xornada do 27 de marzo.

Con este percorrido, a Concellería que dirixe Chus Lago introduce por primeira vez unha actividade que permitirá aos visitantes coñecer a importancia da cova máis grande de Galicia (con máis de 7500 m de lonxitude), cunha riqueza xeolóxica e biolóxica moi importante, ademáis das propias lendas que enriquecen a visita.

Nesta ocasión de novo traballarán conxuntamente os departamentos de Educación de Vigozoo e o de Medio Ambiente da Concellería, pois a recente apertura do Nocturama nestas instalacións é unha oportunidade magnífica para coñecer o hábitat natural dalgúns dos habitantes destas covas como son os morcegos (xéneros Rhynolophhus, Myotis, entre outros).
Descargar todas as imaxes