Escoitar

Mañá martes comeza no Auditorio Municipal o proxecto "Raizames" coa actuación do grupo vasco Oreka Tx

A programación estable de artes escénicas que organiza a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural no Auditorio Municipal continúa mañá co inicio do proxecto "Raizames". O primeiro concerto desta iniciativa correrá a cargo da banda vasca de txalaparta Oreka Tx, que ofrecerá o espectáculo Nömadak Tx ás 20.30 horas. O prezo das entradas é de 10 euros, e pódense mercar na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.

luns, 21 mar 2011
Nömadak TX conta a historia de dous músicos en movemento. Viaxan coa súa txalaparta, un instrumento musical único, que se toca entre dúas persoas. Chegan ata A India, Laponia, o Sáhara e Mongolia para fusionar a súa música coa de remotos pobos nómades. Atravesan desertos de xeo e area, percorren a cabalo as montañas de Mongolia, cruzan en tren o oeste da India... viaxan, en definitiva, en busca de sons. Atópanos noutros pobos, noutras paisaxes, noutras culturas e en persoas que, como eles, utilizan a música para dicir ao resto do mundo: estamos aquí, estamos vivos, somos nós.

O proxecto "Raizames" preséntase como un ciclo estable e periódico que ten o obxectivo de abranguer unha ampla diversidade de estilos. O denominador común é dar cabida a músicas ligadas dalgún xeito ás raíces musicais de lugares concretos. Como nas árbores, as pólas poden abrir nun abano amplísimo, pero as raíces están fincadas na terra, nutríndose e producindo zume que nutre as súas manifestacións visibles.