Escoitar

O Pleno pide a posta en marcha de puntos limpos na cidade

A Corporación Municipal de Vigo votou hoxe luns en sesión plenaria que o goberno local poña en marcha "os puntos limpos que establecen no Plan Xeral da cidade de Vigo". Segundo apunta o texto validado, o PXOM vigués -en vigor desde o 25 de agosto de 2008- fixa oito ámbitos para a localización desta "alternativa para a reciclaxe de residuos especiais", unha situación que "a cidade de Vigo non se pode permitir nin un minuto máis".

luns, 21 mar 2011
Os tres grupos políticos con representación municipal -PP, PSdeG e BNG- votaron hoxe conxuntamente para "instar ao goberno de Abel Caballero a poñer en marcha os puntos limpos que se establecen no Plan Xeral da cidade de Vigo".

"Os puntos limpos supoñen unha alternativa para a reciclaxe de residuos especiais que, pola súa natureza, volume ou perigo para o medioambiente, non encaixan dentro dos tipos de residuos que se xeran maioritariamente nos fogares e para os que non hai colectores nas rúas", di o texto presentado polos populares.

O PXOM de Vigo, que está en vigor desde o 25 de agosto de 2008, contempla oito ámbitos para a súa localización, e denuncia a moción que "Abel Caballero foi incapaz de pór en marcha o primeiro punto limpo na cidade", o que define de "tercermundista". "Non se pode permitir esta situación nin un minuto máis", conclúe.