Respaldo unánime do Pleno da Corporación para declarar Vigo e Galiza como zonas desnuclearizadas

O BNG acadou o apoio unánime da corporación para declarar ao Concello de Vigo como zona desnuclearizada e na adhesión ao acordo do Parlamento de Galiza de 6 de setembro de 2006, para que a Xunta se dirixa ao goberno do Estado para que Galiza sexa de maneira efectiva territorio desnuclearizado. Segundo explicou a concelleira nacionalista María Méndez, esta declaración implica a prohibición de localizar no territorio galego un cemiterio nuclear ou depósitos de almacenamento de residuos nucleares, así como a prohibición de que en Galiza se constrúan centrais nucleares.

luns, 21 mar 2011
María Méndez salientou que esta moción, ademais de facer reflexionar, pretende a "toma de posición" do goberno da cidade de xeito que recolla o sentir maioritario da sociedade galega e viguesa a respecto da enerxía nuclear tras o acontecido en Xapón. Lembrou que os galegos e as galegas xa se manifestaron na súa contra ao rexeitar o intento de instalar unha central en Xove a finais dos anos setenta do século pasado. "Dende entón, estas ideas asentáronse na poboación galega", asegurou.

A concelleira nacionalista recordou tamén que Galiza xa ten sufrido un dos problemas máis graves derivados da enerxía nuclear ao acoller fronte ás súas costas, a comezos dos anos 80, un vertedoiro de residuos radioactivos na Fosa Atlántica. Segundo María Méndez, "Galiza non necesita ningunha central nuclear", xa que exporta na actualidade máis da terceira parte da electricidade que xera e polo tanto "pode resolver as súas necesidades enerxéticas coas fontes alternativas de enerxía".

"A enerxía nuclear non é o futuro", subliñou a concelleira de Benestar Social. Pola contra, criticou que "non é respectuosa co medio ambiente nin respectuosa coa saúde das persoas", mentres que co seu desenvolvemento "os únicos que se benefician coa enerxía nuclear son os grandes lobbys eléctricos", criticou. María Méndez rematou salientando a coherencia do BNG na súa "posición histórica" de rexeitamento deste tipo de enerxía.