Escoitar

O tenente de alcalde salienta a atención de emerxencia que presta o novo centro para mulleres vítimas de malos tratos

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, visitaron hoxe o Centro de Emerxencia para Mulleres en Situación de Violencia de Xénero, no que desde a súa posta en servizo no mes de xaneiro ingresaron xa 25 persoas. Santi Domínguez explicou que nestes meses de funcionamento o centro está respostando aos obxectivos marcados cando se decidiu modificar o sistema de acollemento ás mulleres vítimas de malos tratos. <br />

venres, 27 mar 2009
1238161089centroemerxenciamulleres.jpg
O nacionalista salientou que o centro de emerxencia pretende proporcionar aloxamento inmediato e de curta estadía para que calquera muller que o precise poda acceder directamente, sen necesidade de presentar denuncia previamente. Pero tamén quixo poñer en valor que se trata dun centro que forma parte dunha ampla rede de atención que cubre todas as necesidades das mulleres. "Aquí chegan as mulleres e os seus fillos e fillas en situación de emerxencia e se activan todos os protocolos para manter un seguimento completo da súa situación", explicou.

O tenente de alcalde sinalou que está deseñado como un centro de emerxencia, no que as mulleres poden estar un máximo de tres meses. Neste tempo se traballa con elas para que encaucen novamente a súa vida e estabilicen a súa situación. Nuns casos acceden aos tres pisos de acollida cos que tamén conta a Concellería de Igualdade, noutros poden independizarse e normalizar a súa vida pola súa conta e hai situacións nas que continúan recibido apoio a través do Centro de Información da Muller.

"Neste goberno tiñamos claro que a atención as mulleres que sofren situacións de violencia de xénero tiña que adaptarse as novas necesidades que se estaban a xerar. O tempo estanos a dar a razón e nestes meses tense demostrado que o que se precisaba era unha rede na que se prestara atención incialmente aos casos de emerxencia e despois se poidera manter no tempo o apoio ás mulleres", precisou. O tenente de alcalde anunciou que o obxectivo é continuar ampliando a rede de acollemento e os servizos que se prestan. Tamén quixo agradecer expresamente o traballo que está a desenvolver o equipo de profesionais que prestan atención a estas mulleres.

A concelleira de Igualdade explicou, pola súa banda, que o centro dispón dunha capacidade máxima de 25 persoas máis 5 prazas para menores de 2 anos. Iolanda Veloso indicou que se esta comprobando que é un recurso suficiente, porque o obxectivo é que "as mulleres pasen aquí o menor tempo posible en situación de emerxencia".

A nacionalista sinalou que este centro forma parte da rede galega de servizos sociais, a través do Consorcio, e polo tanto da acollemento a mulleres de toda Galiza. Nestes meses, ademais de mulleres de Vigo, foron atendidas tamén outras procedentes de As Neves, Porriño, Pontevedra, Pontecaldelas, Santiago, Ribadeo e Padrón. Hoxe mesmo estaba previsto o ingreso dunha muller procedente de Lugo.
Desde que abriu as súas portas pasaron polo centro 25 persoas (11 mulleres e 14 menores de idades comprendidas entre 6 meses e 17 anos). Na actualidade a ocupación é de 18 persoas. É tamén significativo o feito de que das 11 mulleres que foron atendidas, catro eran extranxeiras.

Descargar todas as imaxes