Escoitar

Vigozoo celebra o sábado 28 o "Día de portas abertas" e o concurso de fotografía dixital

Vigozoo cambia o "día de portas abertas" para o vindeiro sábado 28 de marzo, día da Reconquista de Vigo, co fin de potenciar esta festa de carácter máis local e representativa da nosa cidade( en anos anteriores o día de portas abertas celebrarase o primeiro de maio). Así, todo o público que visite o zoolóxico durante esta data poderá acceder as instalacións de balde.

xoves, 26 mar 2009
1238071595vigozoo.jpg
Coincidindo con esta data, iníciase o V Concurso de Fotografía Dixital Vigozoo-Caixanova, que nesta edición será de participación online e terá unha duración aproximada dun mes, rematando o vindeiro venres 1º de maio.

Estará subvencionado por CAIXANOVA e dirixido a todo o público que realice fotografías nas instalacións durante todo este período, dende o 28 de marzo ata o 1 de maio.

Nesta edición ampliouse a duración do evento, xa que en pasadas edicións so tiña lugar durante o día de portas abertas.

Bases do concurso
BASES:

Os participantes necesariamente terán que entregar unha fotografía de Vigo-zoo correspondente ao período de duración do concurso.

Os participantes deberán entregar 1 fotografía representativa de Vigo-zoo, xunto coa ficha de inscrición.

Cada participante só poderá presentar unha fotografía. Estas deberán ter unha resolución igual ou superior a 2 megapixeles.

Están comprendidas dúas categorías:
-Categoría júnior: Ata os 17 anos inclusive.
-Categoría sénior: Maiores de idade.
Dentro de cada categoría haberá tres premios que contarán cos seguintes agasallos subvencionados por Caixanova:

-Primeiro premio xúnior: Cámara dixital compacta.
-Segundo premio xúnior: Libro Animal + Wildlife.
-Terceiro premio xúnior: Libro National Geographic + Wildlife.
-Primeiro premio sénior: Cámara dixital compacta.
-Segundo premio sénior: Libro Oceanos + Wildlife.
-Terceiro premio sénior: Libro Tierra + Wildlife.

A realización da fotografía e a súa entrega xunto coa ficha de inscrición realizarase dentro das datas comprendidas entre o 28 de marzo e o 1 de maio de 2009, ámbolos dous incluídos, a través da seguinte dirección de email: educacion.vigozoo@vigo.org . Non se admitirá ningunha fotografía fora deste período.

O xurado estará composto por persoal de Vigozoo e de persoal da empresa colaboradora se o estiman oportuno. O xurado valorará as fotografías tendo en conta aspectos de creatividade artística, composición e relación có tema indicado.

Unha vez finalizado o concurso, exhibiranse tódalas ou unha selección das mellores fotografías nas instalacións de Vigozoo ou na páxina web corporativa, facendo constar o nome da autora ou autor e se resultou premiada/o.

A resolución do xurado comunicarase individualmente ós premiados. Esta resolución será inapelable. Se o xurado así o estimase todos ou algúns dos premios poderían quedar desertos. A resolución do xurado e a entrega de premios terán lugar nas instalacións de Vigo-zoo o vindeiro 9 de maio de 2009 (pendente de confirmación).

As fotografías quedarán en poder de Vigozoo, cedendo os participantes tódolos dereitos de imaxe relacionados con ditas fotografías, a efectos publicitarios, divulgativos, promulgacións, etc., e aceptando como única contraprestación os premios que, eventualmente poidan obter.

Só polo feito de inscribirse e participar no concurso se entenderá que os participantes aceptan as bases do concurso.
Descargar todas as imaxes