Escoitar

Os actos centrais da festa da Reconquista comezan o venres cun concerto na praza do Berbés

A celebración dun concerto na praza do Berbés o venres 27, ás 22.30 horas, dará o pistoletazo de saída aos actos centrais do Bicentenario da Reconquista, que se prolongarán durante toda esta fin de semana. Na presentación do programa, no que participaron o tenente de alcalde, o concelleiro de Cultura e o presidente da Asociación Veciñal do Casco Vello, Santi Domínguez convidou a todos os vigueses e viguesas a achegarse o sábado ao Casco Vello, xa que coinciden o día no que "se cumpren 200 anos de que Vigo se reconquistou a si mesma" e o día que terá lugar a representación do acontecemento histórico da Reconquista da cidade.

xoves, 26 mar 2009
1238073658presentacionfestareconquista.jpg
"O vindeiro sábado espero que os vigueses e as viguesas fagan o xesto simbólico de achegarse en masa ao Casco Vello para protagonizar a reconquista deste barrio como lugar de encontro e lecer", salientou o nacionalista. Asemade, na súa intervención felicitou á asociación veciñal do Casco Vello polo traballo que veñen desenvolvendo dende hai anos na recuperación desta festa e do propio casco histórico, polo que salientou a súa satisfacción ao comprobar que "xa está todo preparado". "Ogallá que a festa desta fin de semana nos axude aos que estamos traballando para acadar a recuperación do Casco Vello", manifestou.

O presidente da Asociación Veciñal do Casco Vello, Henrique Macías, explicou que a primeira novidade deste ano é a duración dos actos centrais, que pasan de dous a tres días. "Pasar de un a dous días xa foi un salto cualitativo, e este ano dase outro salto ao pasar de dous a tres", salientou, ao tempo que indicou que a primeira actividade será mañá venres na praza do Berbés, ás 22.30 horas, cun concerto a cargo de Os tres Trebóns e Homes sen medo.

A segunda novidade que destacou Macías se refire á ampliación da zona da festa, que chegará ao Náutico. Ao respecto, indicou que nesta zona haberá dous espazos diferenciados: un adicado aos xogos infantís e outro adicado á vida mariñeira e no que haberá exposición de embarcacións tradicionais, mariñeiros e redeiras. "A nosa ilusión é incorporar a festa a todo o Casco Vello, pero de momento non é posible", apuntou.

O sábado as distintas actividades comezarán pola mañá, ás 11 horas, co inicio das demostracións artesáns, o mercado e a animación musical, que se prolongarán ata o domingo ás 20.30 horas e que terán lugar en diferentes rúas e prazas do Casco Vello. O prato forte da xornada será a representacion da Reconquista, que coincide co día do acontecemento histórico e terá lugar ás 18 horas, tras a súa presentación oficial ás 17 horas na praza da Constitución.

Respecto á representacion, o presidente da Asociación Veciñal do Casco Vello explicou que este ano haberá novas escenas, sobre todo ás que teñen lugar no Náutico e que se refiren ao embarco das tropas francesas. Pola noite terá lugar o segundo concerto da fin de semana, na praza do Berbés ás 20.30 horas, a cargo das Cantareiras do Berbés. "Será un concerto moi emotivo, posto que a súa actuación de despedida", sinalou Macías. Xa o domingo celebrase o terceiro e derradeiro concerto da fin de semana, tamén na prazá do Berbés ás 20.30 horas, coa actuación do grupo de música tradicional galega Tiruleque.

O tenente de alcalde, por outra banda, expresou a súa satisfacción pola participación da cidadanía nos actos programados na cidade dende xaneiro, que definiu como "a primeira fase da celebración". Así, fixo balance das distintas actividades celebradas ata o momento e lembrou que a programación global comezou coa representación na rúa, o 31 de xaneiro, da entrada das tropas francesas en Vigo e que tanto esta actividade como as representacions nos barrios e as parroquias acadaron un "éxito de público e participación". Respecto a exposición que acolle o Museo Quiñones de León sobre a Reconquista, Santi Domínguez salientou que se trata da "máis importante da historia do museo en canto a número de visitantes". En canto ao simposio internacional, destacou que xa está valorado como o máis importante que se ten celebrado sobre a Reconquista e a Guerra da Independencia. Tamén fixo referenza á paxina web www.reconquistadevigo.com, que "ten recibido visitas de máis de 35 países, o cal da conta da repercusión internacional de todo o que se está facendo".
Descargar todas as imaxes