Escoitar

Medalla da Cidade e Vigueses Distinguidos 2009

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, outorgaralle a Medalla da Cidade ao Corpo de Bombeiros de Vigo no transcurso do acto de conmemoración da Reconquista da cidade que terá lugar o día 27 de marzo na Estación Marítima. Na cerimonia o alcalde tamén entregará os galardóns ás viguesas e vigueses distinguidos correspondentes ao ano 2009. Os persoeiros e colectivos que recibirán a distinción son Antonio Heredero Guzmán; Antonio Quesada Porto; Asociación de Tradutores en Lingua Galega (ATG); Club de campo de Vigo; Colexio Mariano; Encarna Álvarez García e Organización Nacional de Cegos de españa en Vigo (ONCE)

venres, 27 mar 2009
1238162489bombeiros.jpg
Intervención dos bombeiros nun incendio
O Concello, anualmente, galardoa a persoas ou grupos de persoas que se distinguiron e sobresaíron ó longo das súas vidas polas súas virtudes humanas ou o seu quefacer profesional, en moitos casos non coñecidos pola maioría.Os galardóns entregaranse no decurso dun acto oficial no que se conmemora a Reconquista de Vigo e que este ano terá lugar o venres 27 de marzo, ás 20 horas , na Estación Marítima. No decurso do acto entregase tamén a medalla da cidade.

Medalla da Cidade

Segundo acordou o Pleno da Corporación Municipal, en sesión extraordinaria do 23 de marzo de 2009, , a Medalla da Cidade concédeselle ó Corpo de Bombeiros de Vigo "pola súa adicación e traxectoria profesional nos seus máis de cen anos de servizo".

O Corpo de Bombeiros de Vigo fundouse en 1885 nunha cidade que por aquel entón contaba con 22.000 habitantes e unha industria xa importante que aportaba riscos para os traballadores dada a carencia de medios de protección da época.

Sen embargo o uso dalgunha bomba manual fai pensar que xa existiran bombeiros voluntarios en anos anteriores. O corpo contaba entón con un inspector-instrutor, médico, tesoureiro, abandeirado e cornetín de ordes quen transmitía as mesmas por este medio, suplíndose a carencia dos mesmos cunha gran dedicación e un extraordinario valor. Dedicación e valor que continuaron a ser a insignia deste corpo municipal.

Modernizados en 1920 coa adición de novos medios mecánicos continúan a súa andaina ata o día de hoxe baixo o lema "nosa misión é servir ao cidadán o máis axiña posible e coa máxima efectividade".

A formación, experiencia e veteranía puxéronse de manifesto, non só nos sinistros producidos na cidade, senón nos municipios da Mancomunidade ou próximos a Vigo, incluso no norte de Portugal, onde este servizo foi capital na evitación de maiores catástrofes.

Na actualidade cunha cadro de persoal de 121 bombeiros, baixo a Xefatura de D. Juan Comesaña Alén, Decano do Corpo de Xefes de Bombeiros de España, segue a mellorar no seu servizo ante as crecentes necesidades."

Viguesas e Vigueses Distinguidos

O Concello decidíu nomear nesta edición a seis colectivos e persoeiros polo seu destacado labor nos ámbitos deportivos, económico, educativo, cultural e de compromiso social.


D. ANTONIO HEREDERO GUZMÁN

Licenciado en Dereito na Universidade Complutense de Madrid, realiza a carreira militar xubilándose co grado de Tenente Coronel. Afíncase en Vigo dende 1950, expoñendo por primeira vez en Caixanova no ano 1967.

A súas obras exhíbense en numerosas entidades estatais, autonómicas, provinciais e municipais, como Capitanías Xenerais, Delegacións do Goberno ou Concello; así como en numerosas coleccións particulares de España, Europa e América e en diversos museos. En Galicia a súa obra exhíbese nos museos Quiñones de León en Vigo e Provincial de Pontevedra.

No año 1996, o Concello de Vigo organizou, na Casa das Artes, unha exposición antolóxica conmemorativa no seu honor, editando conxuntamente un libro de graciosa factura.

É pintor especialista en acuarelas e moi especialmente de temas mariños que trata con soltura, recollendo nas súas cores toda a ampla paleta das augas de Vigo e Rías Baixas.

Obtivo numerosos galardóns dos que destacaríamos a Medalla de Prata do"XLII SALÓN DE OTOÑO" de Palma de Mallorca, 1983, a Medalla de ouro na Bienal de Pontevedra de 1972 e moitas máis que farían longa esta relación.

Dende hai máis de 30 anos fai con total asiduidade doazóns de obras a institucións benéficas moi enraizadas en Galicia como Manos Unidas, Cáritas ou Aldeas Infantiles.

A súa obra figura en numerosos Museos e Institucións Públicas, finou o 8 de novembro de 2008 polo que o seu nomeamento é a título póstumo

D. ANTONIO QUESADA PORTO

Pintor, serígrafo, naceu en Ourense o 14 de xuño de 1932.

Paisaxista conceptual de fantasías abstractas de exquisita factura. Membro integrante do grupo Ourensán "Os Artistiñas" que, tutelado polo escritor Vicente Risco, conmocionou a arte galega na década dos 60. É hoxe o paisaxista máis definido da pintura galega e un dos grandes nomes consolidados no panorama plástico español.

Participou nas extinguidas "Exposiciones Nacionales de Bellas Artes" e foi finalista no "Premio Nacional de Pintura".

Fixo exposicións en Francia, Suecia, EE.UU. e Portugal, así como nas principais cidades españolas.

Recentemente distinguido coa Exposición Antolóxica do Ciclo "Grandes Artistas Galegos" (Vigo), con obra en todos os principais museos de Galicia (Quiñones de León, Pontevedra, a Coruña, etc).

É designado, en 1981, membro do comité asesor que baixo o patrocinio de Caixa Vigo e tras dous años de investigacións da por resultado a trintena de exposicións que reúnen ó máis extenso corpus plástico de Galicia e o libro Plástica Galega.

Impulsor do Museo de Arte Contemporáneo de Vigo e Asesor de Honor da Presidencia do Museo Quiñones de León-Castrelos de Vigo, e membro do seu Padroado dende 1982.

ASOCIACIÓN DE TRADUTORES EN LINGUA GALEGA (ATG)

A Asociación Galega de Tradutores naceu en 1984 como iniciativa dun grupo de persoas comprometidas coa cultura galega, conscientes, como o foron moitos anos antes os membros da Xeración Nós ou os membros fundadores de Galaxia, de que a cultura galega necesitaba comunicarse con outras a través da tradución. A tradución podía e debía ser un elemento revitalizador e normalizador da cultura, continuando un labor comezado na época Nós. A Asociación tamén se creou para defender os dereitos dos tradutores, nun momento en que o seu traballo estaba infravalorado.

Entre os fitos do traballo da ATG, poderíase citar a tradución do Correo da Unesco ó galego, a creación de Viceversa, a única revista académica sobre a tradución que existe en Galicia e, sobre todo, a posta en marcha de Bivir, a biblioteca virtual de traducións ó galego (www.bivir.com) que a día de hoxe conta con arredor de 150 clásicos universais que se poden descargar de balde.

Este ano fanse os 25 anos da fundación da Asociación de Galega de Tradutores, unha institución que tivo un papel moi importante na normalización da cultura galega e unha relación directa coa nosa cidade tanto desde o punto de vista cultural como académico.

CLUB DE CAMPO DE VIGO

Fundado en 1934 tivo dende sempre unha enorme vocación de club familiar onde se reunían cordialmente grupos de amigos para celebrar reunións e practicar toda clase de deportes excepto "xogos ilícitos e discusións de carácter político e relixioso" como viña nuns dos artigos do primeiro Regulamento do Club.

Este carácter familiar foi a alma mater da súa existencia dende as primeiras instalacións na finca de Vista Alegre, no medio da cidade, ata as actuais de Coruxo a escasos metros da Praia do Bao, cunha superficie aproximada de 110.000 metros cadrados .

Foi pioneiro de deportes como o tenis, hockey sobre herba, competicións hípicas, etc. e organizadores de eventos de gran releve como o Campionato Internacional de Tenis, torneo que non só é o máis veterano de Galicia, senón que tamén un dos máis veteranos de España e polo que pasaron os máis importantes xogadores do mundo. Ó longo das súas sesenta e sete edicións, pasaron grandes figuras de todas as épocas e nacionalidades, entre os que destacan campións e finalistas de probas de Grand Slam como Manuel Santana, Sergio Bruguera, Carlos Moyá, Marat Safin, Albert Costa, Juan Carlos Ferrero, Alex Corretja y Rafa Nadal, vencedor do concurso na edición 2002.

A práctica do deporte é o primordial obxectivo para o que dispón de monitores especializados en distintas disciplinas ademais das escolas infantís e xuvenís, pistas de tenis de terra batida e cubertas, instalacións de pádel abertas e pechadas, campos de herba para fútbol, futbito e hockey, un pavillón cuberto multideportivo, contribuíndo deste xeito á difusión do deporte e moi especialmente ao tenis en Vigo.

COLEXIO MARIANO

A primeira noticia que posuímos sobre a fundación das Franciscanas Misioneiras da Madre do Divino Pastor, remóntase ao ano 1933, hai 75 anos, no que dúas relixiosas chegaron a Vigo no mes de febreiro, traendo consigo algúns mobles antigos, seguramente o primeiro material co que contou o centro que fundarían máis tarde. En agosto de 1934 alugaron unha casa con finca na rúa Seixo nº 88, coñecida actualmente co nome de Ramón Nieto, números 34 e 36 (esta casa se conserva hoxe en día, pero destínase a vivendas). A casa alugouse co propósito de abrir un colexio privado.

En 1935 conséguese a aprobación, por parte do Ministerio, da creación dun colexio naquela zona. O centro recibe o nome de Colexio Mariano, debido á profunda devoción que se lle ten á Virxe María.

D. Bernardo Álvarez é o director dende hai 6 anos deste centro que procura unha educación integral e completa non só en coñecementos, senón en valores de respecto, difundíndoos entre o alumnado e as súas familias.

[bENCARNA ÁLVAREZ GARCÍA

Naceu o 29 de xullo de 1947 en Asturias.

Dende 1985 é empresaria do sector óptico en Vigo. Diplomada en márketing, óptica e audiopróteses.

Comprometida coa cidade dende o momento da súa chegada procedente de Suíza onde pasou unha parte importante da súa vida, axiña entra a formar parte da Asociación de Comerciantes e Empresarios do Calvario (ACECA) e no ano 2000 gaña as eleccións comezando así o seu labor como presidenta na asociación, na que leva 20 anos.

O seu intenso traballo no asociacionismo faille ser presidenta tamén de FECOVI (Federación de Comercio de Vigo) dende a súa fundación no 2002 agrupando ás catro principais zonas comerciais da cidade: Bouzas, Calvario, Teis e Travesas.

Outros cargos:
- Presidenta da comisión de Comercio da Cámara de Comercio de Vigo
- Vicepresidenta da CEP (Confederación de Empresarios de Pontevedra)
- Vicepresidenta do Foro Galego do Comercio.

Dende todos estes cargos traballa por e para o comercio da cidade e pola transformación e mellora deste elemento económico tan importante para Vigo.


ORGANIZACIÓN NACIONAL DE CEGOS DE ESPAÑA EN VIGO (ONCE)

A ONCE creouse en España o 13 de decembro de 1938, sendo os seus obxectivos fundamentais favorecer a autonomía persoal e a integración social e laboral das persoas cegas e deficientes visuais.

O pasado año celebrouse o 70 aniversario da ONCE e o 20 aniversario da súa fundación.

En Vigo a ONCE fundouse en 1940 tendo a súa primeira sede no número 44 da rúa Policarpo Sanz desta cidade, sendo o seu primeiro director D. Marcos Sotomayor Marsella. Posteriormente, en 1958 a ONCE trasládase á rúa Gran Vía 16, lugar onde se atopa na actualidade.

Na cidade de Vigo encóntrase a Dirección Administrativa de Vigo cuxo ámbito de actuación é todo o sur de Galicia comprendendo as provincias de Pontevedra e Ourense. Dende esta cidade de Vigo se xestiona a prestación de servizos sociais e todo o relacionado coa venda do cupón e xogos da ONCE. Dela dependen 1750 afiliados e 550 traballadores, a maioría deles persoas con discapacidade.

En Vigo é onde se encontra a súa sede principal e é o motor da ONCE para todo este ámbito de actuación. Conta con 600 afiliados e 300 traballadores, incluíndo o persoal de oficina e os vendedores do cupón.

Doutro xeito a ONCE contribuíu continuamente nos ámbitos culturais, sociais e científicos da cidade, tales como as Mostras de Agrupacións Musicais, Congresos Estatais de Servizos Sociais, Seminarios sobre prevención da cegueira e unha intensa participación deportiva nos campionatos galegos e nacionais.

Precisamente neste ano, a ONCE conmemora o bicentenario do nacemento de Luis Braille e os actos centrais que se celebrarán na nosa Comunidade Autónoma terán lugar nesta cidade o próximo mes de outubro.

Ademais, a ONCE de Vigo conta cunha coral con cincuenta anos de historia que leva por nome á cidade de Vigo (Cidade de Vigo), formada por 45 compoñentes que participan en mostras musicais en Galicia e en toda España.

Tamén o deporte é de grande importancia para a súa Entidade, tendo varios deportistas vigueses que participan en campionatos galegos e nacionais baixo o nome "ONCE VIGO".

A ONCE colabora co Concello de Vigo ao longo de todos estes anos en todos os ámbitos sociais e de accesibilidade."
Descargar todas as imaxes

Máis información