Escoitar

Santi Domínguez anuncia que antes do verán Vigo terá un Auditorio Municipal para facer unha programación estable

O tenente de alcalde, Santi Domínguez expresou hoxe a súa confianza de que o novo Auditorio Municipal se inaugure antes do verán do 2009 para que o Concello poida así poñer en marcha unha programación cultural estable de artes escénicas ao longo de todo o ano. Así o anunciou Domínguez no transcurso da visita que este luns realizou, xunto ao concelleiro de Cultura, Xesus López, ás obras de remodelación que se están a desenvolver no auditorio, que contan cun investimento de 1.385.000 euros.

luns, 1 dec 2008
1228138795visitaobrasaudito.jpg
"Tanto o concelleiro de Cultura como eu vemos con satisfacción o ritmo das obras", salientou o tenente de alcalde. A boa marcha dos traballos permitirá que a remodelación estea rematada antes do verán. Segundo Santi Domínguez, será un "auditorio mediano", de aproximadamente 300 espectadores, que cumprirá cos requisitos necesarios para traer "obras de teatro e concertos de calidade". Sinalou que entre as melloras figuran a modificación da disposición das butacas en forma de grada, co obxectivo de gañar en visibilidade, a ampliación do escenario que ata agora imposibilitaba a montaxe de determinados espectáculos, a adaptación dos novos vestiarios e aseos, e a creación de novos accesos independentes da Casa do Concello dende a Praza do Rei.

O tenente de alcalde explicou que a remodelación tamén contempla a construción dunha sala de control de imaxe e son axeitadas e a renovación do mobiliairo e de todos os equipamentos técnicos. O investimento para levar a cabo estas obras ascende a 1.385.000 euros, dos que 900.000 se destinarán ás obras de remodelación, 336.130 euros ao equipamento técnico e escénico e 148.886 euros ao mobiliario. "Tras as obras Vigo contará cun Auditorio Municipal como merece esta cidade que permitirá desenvolver unha programación cultural municipal estable de artes escénicas ao longo de todo o ano", subliñou Santi Domínguez.

Descargar todas as imaxes