Escoitar

María Méndez destaca a necesidade de dar a coñecer os recursos para que a inserción laboral sexa unha realidade

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, salientou este venres a necesidade de dar a coñecer todos os recursos dispoñibles para acadar que a inserción laboral sexa unha realidade. Así o subliñou na inauguración do segundo seminario de Integración Sociolaboral que se celebra co gallo do décimo aniversario do Plan Local de Drogodependencias e outras Adiccións (PLDA) do Concello de Vigo.

venres, 28 nov 2008
1227881753seminariopld.jpg
Na súa intervención, María Méndez sinalou que o Concello de Vigo dispón de numerosos recursos que é preciso "dar a coñecer" co obxectivo de que o traballo pola integración sociolaboral teña os máximos resultados. Para acadar este obxectivo destacou tamén a necesidade de desenvolver o traballo de xeito coordinado. Neste sentido expresou a vontade de seguir desenvolvendo iniciativas como esta e lembrou a aprobación da Lei de Servizos Sociais. "Espero que esta xornada sexa o impulso necesario para que o traballo en rede pola inserción laboral dos excluídos non se estanque nun funil", destacou.

A concelleira de Benestar Social salientou o labor desenvolvido polo primeiro ponente do seminario, Antonio Rodríguez García, director da Fundación San Martín de Porres (Madrid), que falou da situación actual das empresas de inserción e traballo protexido. "É capaz de traballar con persoas de sectores difíciles e chegar ao seu corazón", indicou. Ademais a edil nacionalista agradeceu a asistencia das persoas participantes na xornada e, ao respecto, o director do PLDA, Francisco Lamas sinalou que é "unha mostra do interese que esperta o tema".

No mesmo senso que a responsable de Benestar Social indicou que en Vigo existe unha "extensa rede de atención, pero seguimos a atopar dificultades para ter saídas efectivas na integración destas persoas". Respecto ao seminario, salientou a importancia da organización de diferentes grupos de traballo para mellorar a posta en marcha de programas que atendan aos colectivos en risco de exclusión.
Descargar todas as imaxes