luns, 10 mai 2010
O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, anunciou este luns que con motivo do Día Internacional dos Museos, diversas instalacións museísticas da cidade acollerán actividades ao longo da semana do 18 ao 22 de maio. Na presentación do programa, o nacionalista destacou que o obxectivo é ofrecer iniciativas que procuren "seguir achegando os museos á nosa cidade", en concreto aos xacementos de O Castro e o Toralla, así como os museos Verbum e Castrelos e a Casa das Artes.
xoves, 6 mai 2010
O tenente de alcalde e concelleiro de Cascos Históricos, Santi Domínguez, anunciou este xoves que a vindeira semana comezará a reforma da rúa Cruceiro Vello de Bouzas, á que se destinará un investimento de 205.000 euros. Na visita que realizou á zona, e na que tamén participou o concelleiro de Patrimonio Histórico, o nacionalista destacou que esta actuación ten como obxectivo a mellora deste espazo público e a renovación dos servizos urbanos.
martes, 4 mai 2010
O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, presentou este martes o seminario do Centro de Artesanía Tradicional destinado ao profesorado "Artífices sen nome, os construtores da arquitectura en pedra", que comezará mañá na Casa Galega da Cultura. O nacionalista asegurou que esta iniciativa "quere ser unha homenaxe aos canteiros, que na súa maioría non pasaron á historia".
xoves, 22 abr 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este xoves o primeiro plan divulgativo do Museo da Cidade, que segundo explicou inclúe visitas a distintos espazos, como o pazo e os xardíns de Castrelos e aos xacementos de Toralla e O Castro. As visitas pódense facer por libre ou guiadas e en todos os casos son gratuitas. Santi Domínguez explicou que se realizarán da man de Landriña, que será a mascota do museo.
mércores, 21 abr 2010
"Pegadas e fume", a creación dun mural xigante no parque de Castrelos, como parte do proxecto artístico "Cidade de soños", comezará este sábado, 24 de abril, de 10 a 13.30 horas e de 16 a 20 horas. Segundo salienta o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, trátase dunha iniciativa pensada para fomentar a implicación da cidadanía na creación dunha obra de arte colectiva, polo que as persoas interesadas poden inscribirse na web www.cidadedesoños.com
venres, 16 abr 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, asegurou este venres que as visitas ao xacemento de O Castro sumarán entre hoxe e mañá as 10.000 persoas dende a súa apertura hai dous meses e medio tras a súa recuperación. Na visita que realizou xunto ao concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, o edil destacou tamén que a afluenza de público é unha media de 165 visitantes diarios e que a nota media que conceden ao recinto é de 8,8.
luns, 5 abr 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este luns o investimento de 900.000 euros para a execución de novas actuacións de mellora dos servizos públicos do Casco Vello, nunha nova fase das intervencións con cargo aos fondos do plan FEIL. As obras previstas levaranse a cabo tanto na parte alta do barrio como na súa parte baixa e, segundo o edil, tratan de "mellorar o que no se ve, para mellorar a calidade de vida da veciñanza".
mércores, 31 mar 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou hoxe o Plan Expositivo do Museo da Cidade para este ano, que terá como eixo fundamental a posta en valor da historia de Vigo a través de tres grandes exposicións. "Vigo, o nacemento dunha cidade: 1810-1910" e "Vigo durante o século XX" serán as exposicións que se poderán ver no Pazo de Castrelos dende o 22 de novembro, e a elas se sumará "O novo Museo da Cidade", que se abrirá no mes de outubro na Casa das Artes.
martes, 16 mar 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, avanzou este martes que a reconstrución do edificio que albergará o novo Centro Galego de Fotografía comezará no vindeiro mes de maio, de xeito que podería abrir no primeiro trimestre de 2011. O concelleiro anunciouno na visita que realizou ao inicio das obras de demolición do inmoble, ubicado na rúa Chao, e que segundo apuntou non será unha "demolición masiva", co obxectivo de reutilizar a pedra ben conservada na reconstrución desta nova dotación cultural.
luns, 15 mar 2010
O tenente de alcalde e concelleiro de Cascos Históricos, Santi Domínguez, presentou este luns os proxectos de rehabilitación do contorno da Praza de Diego Santos e da rúa Cruceiro Vello de Bouzas. Na súa intervención, o concelleiro salientou que estas actuacións contan cun orzamento de 489.000 euros, financiados con cargo ao Plan FEIL correspondente ao 2010, e teñen o obxectivo de recuperar espazos peonís no casco histórico de Bouzas.