Escoitar

O plan expositivo do Museo da Cidade inclúe tres grandes exposicións para poñer en valor a historia de Vigo

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou hoxe o Plan Expositivo do Museo da Cidade para este ano, que terá como eixo fundamental a posta en valor da historia de Vigo a través de tres grandes exposicións. "Vigo, o nacemento dunha cidade: 1810-1910" e "Vigo durante o século XX" serán as exposicións que se poderán ver no Pazo de Castrelos dende o 22 de novembro, e a elas se sumará "O novo Museo da Cidade", que se abrirá no mes de outubro na Casa das Artes.

mércores, 31 mar 2010
1270038118Castrelos.JPG
"Esta cidade merecía ter un plan museístico e reorganizar os seus museos, así como poñer en valor o patrimonio artístico e cultural que estaba agochado", salientou Santi Domínguez. Neste sentido asegurou que nas áreas coordinadas pola Tenencia de Alcaldía estase avanzando "con paso decidido no cumprimento do noso contrato coa cidadanía", xa que lembrou que nese contrato se falaba de facer de Castrelos o "verdadeiro museo da cidade", complementado cos xacementos arqueolóxicos de Toralla e O Castro.

O tenente de alcalde sinalou que nos vindeiros meses se sumará a pinacoteca e o Centro Galego de Fotografía. "Esta é a vertebración que fixemos nestes tres anos e medio. Por primeira vez Vigo terá un plan museístico", subliñou. Ao seu xuízo, este plan é o primeiro paso da "posta en valor da historia da nosa cidade", que constará de tres grandes exposicións.

"Vigo, o nacemento dunha cidade: 1810-1910" ocupará o primeiro andar do Pazo de Castrelos. Santi Domínguez sinalou que estará adicada ao primeiro século de Vigo como cidade e aos grandes persoeiros desa época, como Elduayen, García Barbón ou Policarpo Sanz, entre outros, que contribuíron decisivamente ao progreso da cidade.

O tenente de alcadle indicou que esta poderase visitar xunto á mostra "Vigo, século XX", que ocupará o segundo andar do Pazo de Castrelos. "Ofrecerá dun xeito didáctico e atraínte o desenvolvemento da cidade ao longo do século XX", comentou ao respecto. Ademais de fotografías, a mostra estará integrada por pezas da colección Álvarez, cartografía histórica, especialmente de Antonio Palacios, e pezas cedidas por particulares e empresas, como Citroen. "Queremos que estas mostras sirvan para reconstruír e poñer en valor a nosa historia", destacou.

Estas dúas exposicións completaránse coa que abrirá no mes de outubro na Casa das Artes, que estará centrada no novo Museo da Cidade. "Amosará o que queremos que sexa Castrelos como museo", indicou, e para elo se empregarán paneis informativos que permitirán visualizar os xacementos arqueolóxicos, así como o proxecto expositivo da pinacoteca, do centro de fotografía e parte dos fondos de Castrelos que posteriormente pasarán á pinacoteca.

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, explicou que se traballa neste proxecto dende hai máis dun ano, e que del forma parte a iniciativa "Cidade de soños", que busca a participación activa da cidadanía na creación dun mural en Castrelos e rematará cunha gran exposición nos xardíns do pazo. O edil nacionalista fixo unha mención especial ao Padroado do museo e ao respecto afirmou que está xogando un papel fundamental no novo impulso que lle quere dar aos museos da cidade, xa que no relanzamento dos museos está comprometida toda a xunta reitora.

"Nestes dous anos e medio logramos insuflar un novo ánimo e un novo estado da situación na xunta reitora", salientou Eudosio Álvarez. Asemade asegurou que "sen eles, "que levan participado dende hai tanto tempo no padroado, pouco se podería facer", polo que fixo un recoñecemento expreso ao seu "espírito de esforzo e traballo".

En resposta aos medios sobre cal será o papel do Museo da Cidade unha vez que rematen as dúas exposicións previstas, o concelleiro de Patrimonio Histórico informou de que no Quiñones de León se vai recrear a historia da cidade, dende a súa orixe prehistórica. "As exposicións son unha primeira avanzadiña dese proxecto máis amplo", sinalou. Indicou asemade que o Museo de Castrelos será o espazo central e arredor del haberá outros seis ou sete espazos complementarios. "O problema de Castrelos non é o déficit de cousas, senón de organización mediante un proxecto expositivo", aclarou.

O director do museo de Castrelos, José Ballesta, engadíu que o deseño do proxecto museístico será desenvolvido por dúas comisións, unha histórica e outra artística. Destacou que a creación dunha exposición sobre a historia da cidade é resultado do "impulso do goberno municipal", pero tamén dá resposta a unha "demanda dos historiadores locais".
Descargar todas as imaxes