Escoitar

O alcalde anuncia a adxudicación de direccións de obras de humanización en Vigo por valor de 9,2 millóns de euros

Segundo informou este mércores Abel Caballero, a Xunta de Goberno Local validou a adxudicación provisional de direccións de obras de humanización en cinco rúas da cidade por valor total de 9,2 millóns de euros, con cargo ao Plan E do Goberno de España para 2010. O alcalde anunciou asemade que a próxima semana terá lugar a aprobación definitiva dos orzamentos municipais, que inclúen 25 millóns de euros máis de investimentos.

mércores, 31 mar 2010
1270037750P5050013br.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este mércores a adxudicación provisional das direccións de obras de humanización en cinco rúas da cidade, cun investimento total de 9,2 millóns de euros.

Caballero detallou que as rúas a humanizar financiaranse con cargo ao Fondo Estatal do Goberno de España para 2010, e serán as rúas Bolivia e Padre don Rúa, con 1,7 millóns de euros; Pizarro, con 2 millóns; Pi y Margall, que no seu tramo entre o Paseo de Alfonso XII e Chile levará 1,8 millóns de euros de investimento; e López Mora, con 3,6 millóns de euros.

O alcalde adiantou que as obras correspondentes ao Plan E, do que Vigo recibe 32,2 millóns de euros, son tramitadas "pola vía de urxencia" e tras a adxudicación ás empresas da obra darán inicio os traballos.

A estas melloras do Plan E "haberá que engadir todas as obras dos orzamentos que aprobaremos a próxima semana", apuntou o alcalde, que serán ratificados en Pleno tras a Semana Santa, e por tanto "outro bloque de 25 millóns de euros en obras, nunha parte moi importante, humanizacións de rúas".
Descargar todas as imaxes