Escoitar

O Día dos Museos celebrarase do 18 ao 22 de maio no Castro, Casa das Artes, Verbum, Toralla e Castrelos

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, anunciou este luns que con motivo do Día Internacional dos Museos, diversas instalacións museísticas da cidade acollerán actividades ao longo da semana do 18 ao 22 de maio. Na presentación do programa, o nacionalista destacou que o obxectivo é ofrecer iniciativas que procuren "seguir achegando os museos á nosa cidade", en concreto aos xacementos de O Castro e o Toralla, así como os museos Verbum e Castrelos e a Casa das Artes.

luns, 10 mai 2010
1273495387museos.JPG
Eudosio Álvarez explicou que o día 18, no xacemento de O Castro terán lugar dúas teatralizacións de como vivían os habitantes do poboado castrexo hai dous mil anos. Sinalou que a representación será muda, xa que non coñecemos a a lingua na que se expresaban os castrexos. Segundo destacou o concelleiro de Patrimonio Histórico, "é un experimento único en Galiza que por primeira vez se fará en Vigo".

O 19 de maio ás 20.30 horas, o museo Verbum acollerá un concerto do programa Duplo R horas, organizado polas Concellerías de Cultura e Xuventude, no que se amosará a relación dunha tradición histórica como a regueifa e un movemento actual como o rap. O día 20, a iniciativa prevista será na Casa das Artes, na que se desenvolverá unha actividade vinculada ao Arquivo Pacheco.

O día 21 ás 22 horas, o xacemento de Toralla será o escenario no que terá lugar un concerto de arpa a cargo de Lulavai, "un grupo de gran proxección musical en Vigo e Galiza", segundo apuntou Eudosio Álvarez. Finalmente, anunciou que o 22 de maio, o pazo e os xardíns de Castrelos acollerán dúas visitas teatralizadas, ás 17.30 e ás 20.30 horas, "coa presenza da propia marquesa", asegurou o concelleiro de Patrimonio Histórico. Neste sentido animou aos visitantes a participar na iniciativa vestidos con roupa de época, co obxectivo de que se identifiquen coa vida do pazo.

"Queremos desenvolver proxectos de xeito que animemos á cidadanía a visitar os museos da nosa cidade", salientou Eudosio Álvarez. Destacou asemade que non só son lugares para coñecer "senón tamén para vivir". Por outra banda sinalou que este tipo de iniciativas que se desenvolverán nos museos de Vigo tamén se fan noutras instalacións museísticas. Ao respecto indicou que o día 18, o museo do Prado, "probablemente a mellor pinacoteca do mundo", acollerá unha comedia musical.

Preguntado polos medios sobre o prezo das actividades, o concelleiro asegurou que o día 18 a entrada será gratuíta nos museos de Vigo e que a participación nas actividades previstas na Semana dos Museos tamén será de balde.
Descargar todas as imaxes