Escoitar

O museo de Castrelos organiza o domingo o obradoiro para familias "Landriña descobre os segredos do pazo"

No marco do programa para familias "Domingos de museo" que organiza o Museo da Cidade Quiñones de León, este vindeiro domingo 9 de maio terá lugar o obradoiro "Landriña descobre os segredos do pazo", segundo anunciou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez. Este programa, de carácter gratuíto e dirixido a nenos e nenas entre os 4 e os 12 anos, ten lugar de 11:30 a 13:30 horas e para participar non é necesario facer reserva.

venres, 7 mai 2010
"Domingos de museo" ten por obxectivo dar a coñecer o Museo da Cidade da man de Landriña, a súa mascota. O número máximo participantes é de 25 persoas e os familiares que acompañan a cada neno ou nena poden participar na actividade ou deixalos ao coidado dos educadores e educadoras.

Landriña, o esquío mascota do Museo da Cidade, é a encargada de presentar cada domingo aos participantes un itinerario polo museo que vai seguido dun obradoiro de creación. Os itinerarios son temáticos e consisten nunha ruta polo museo onde teñen lugar xogos e actividades ante as obras seleccionadas en función do tema da actividade.

O vindeiro domingo, mediante o obradoiro "Landriña descobre os segredos do pazo" Landriña ten preparado un divertido itinerario polo pazo, que inclúe pasadizos, portas ocultas e algunha sorpresa. A mascota é unha gran coñecedora do Pazo, xa que a súa familia vive nos xardíns dende o tempo dos marqueses e por iso é a mellor guía do museo. Mediante este percorrido será posible descobrir a historia do pazo así como a algúns dos seus segredos e curiosidades.

Os participantes serán recibidos "oficialmente" no gran salón de recepción no que se lles entregará un medallón de Landriña, do que ela dí que conten poderes máxicos. No obradoiro convertiranse en artistas e realizarán un divertido retrato da mascota con materiais diversos. Ao rematar, todos os participantes recibirán un agasallo, como mostra de agradecemento pola súa visita.

A programación do mes de maio completarase o domingo día 16 co obradoiro "Viaxe ao interior das paisaxes", o 23 de maio terá lugar "O ladrón de cores" e o 30 de maio: "Landriña descobre o retrato". Ademais, destas actividades tamén existe un programa para escolares que organiza visitas ao museo para grupos de infantil, primaria e secundaria os martes, mércores, xoves e venres de 10 a 12 horas. É preciso facer a reserva previamente nos teléfonos 986 295 070 e 986 239 372 ou no correo electrónico saves.museocastrelos@vigo.org.

O Museo da Cidade "Quiñones de León" tamén organiza visitas guiadas para o público en xeral. As visitas guiadas ao Pazo de Castrelos poden facerse os martes, mércores, xoves, venres e domingo ás 12.00, mentres que as visitas guiadas ao xardín histórico son os martes, mércores, xoves, venres e domingo ás 13.00. Finalmente, as visitas guiadas para grupos e asociacións ao pazo e ao xardín histórico poden realizarse os martes, mércores, xoves e venres ás 12 horas, facendo reserva previamente.