Escoitar

Santi Domínguez anuncia o investimento de 489.000 euros para impulsar a rehabilitación do casco histórico de Bouzas

O tenente de alcalde e concelleiro de Cascos Históricos, Santi Domínguez, presentou este luns os proxectos de rehabilitación do contorno da Praza de Diego Santos e da rúa Cruceiro Vello de Bouzas. Na súa intervención, o concelleiro salientou que estas actuacións contan cun orzamento de 489.000 euros, financiados con cargo ao Plan FEIL correspondente ao 2010, e teñen o obxectivo de recuperar espazos peonís no casco histórico de Bouzas.

luns, 15 mar 2010
1268659860proxectosbouzas.jpg
"Dende as concellerías de Cascos Históricos e Patrimonio Histórico traballamos na rehabilitación dos dous cascos históricos de Vigo, facendo fincapé no Casco Vello, pero sen esquecer o barrio histórico de Bouzas", explicou Santi Domínguez. Segundo afirmou, estas actuacións dan resposta a promesa feita aos veciños e veciñas de Bouzas durante á visita que realizou ao barrio en outubro do pasado ano e na que asegurara que "o total compromiso" coa recuperación do seu barrio histórico se reflectiría nas partidas orzamentarias de 2010.

O tenente de alcalde indicou que en tres anos de goberno se aumentaron paulatinamente as axudas para a rehabilitación de edificios e as actuacións no contorno do barrio, coa mellora de diversas rúas e na Alameda. Neste sentido sinalou que as actuacións na Praza de Diego Santos e da rúa Cruceiro Vello continúan nesta liña. "Son dúas prazas emblemáticas que se atopan nun dos espazos máis transitados e nos que era preciso acometer actuacións para mellorar e renovar os servizos", destacou.

Segundo apuntou Santi Domínguez, os proxectos siguen as pautas establecidas no Plan Especial do Casco Histórico de Bouzas. Deste xeito abordarase a renovación das redes de abastecemento e saneamento e se instalará rede separativa de augas fecais e pluviais; asemade, a actuación inclúe a renovación do alumeado, co obxectivo de "conseguir maior eficiencia no aforro enerxético", así como o soterramento das liñas aéreas. Indicou que o prazo de execución das refornas é de catro meses, a partir do comezo das obras, previsto para mediados ou finais de abril.

Respecto á actuación na Praza Diego Santos, o tenente de alcalde comentou que contará cun orzamento de 284.000 euros, e inclúe a mellora non só da praza senón tamén da rúa que dá acceso dende a alameda Suárez Llanos e a restauración da fonte, que é o elemento singular da praza. No tocante á rúa Cruceiro Vello, sinalou que o orzamento do proxecto é de 205.000 euros, que tamén supón a reforma do seu contorno e a restauración do cruceiro. Salientou a restauración destas dúas pezas patrimoniais, xa que están "catalogadas como elementos protexidos".
Descargar todas as imaxes