Escoitar

Santi Domínguez anuncia que a finais de abril empezarán as obras da pinacoteca, que abrirá ao público no inicio de 2011

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, avanzou este venres que está previsto que a rehabilitación dos edificios que acollerán a nova pinacoteca comezará a finais de abril co obxectivo de que as novas instalacións culturais da cidade podan abrir a principios do 2011. Na presentación do proxecto, o concelleiro indicou que o será financiado con cargo fondo estatal cun orzamento aproximado de 3 millóns de euros e que a actuación "completerá a rexeneración ambiental e urbanística da parte alta do Casco Vello".

venres, 12 mar 2010
1268400360presentacionpinacoteca.jpg
"Estamos dando pasos sen pausa para dar resposta á gran demanda cultural da cidade, habilitando un espazo no que se poidan contemplar as obras pictóricas da cidade", salientou. O tenente de alcalde destacou asemade que o obxectivo desta actuación consiste en ter un "espazo axeitado para os fondos de Castrelos" e contribuír á dinamizar esta zona coa chegada de visitantes ás instalacións da nova pinacoteca.

Santi Domínguez indicou que tras a publicación esta semana no BOP da licitación do proxecto de rehabilitación, se procederá á adxudicación das obras, que teñen un prazo de execución de oito meses. "Unha vez realizado o traslado das obras dende o museo de Castrelos, calculamos que esta pinacoteca poida abrir ao público a principios de 2011", sinalou.

Respecto ao proxecto presentado hoxe, o tenente de alcalde explicou que consiste na rehabilitación de tres inmobles, os números 8, 10 e 12 da rúa Abeleira Menéndez. Indicou que mantén o seu eixo de actuación no pazo de Arias Taboada e abordará unha "completa estruturación dos espazos", sinalou. O nacionalista salientou que o elemento novidoso da actuación será unha peza que dará á rúa Ferrería (na parte traseira dos edificios). Trátase dunha construción ao seu xuízo "sobria e sinxela" que resolverá a interconexión entre os difererentes edificios. "A nova peza comportarase como unha auténtica galería", destacou. Santi Domínguez sinalou que outro dos elementos diferenciadores do conxunto é unha fenda que servirá de elemento lumínico, xa que a actuación persegue que o pazo rehabilitado "teña un atractivo estético importante".

No tocante á estrutura dos edificios, explicou que a nova pinacoteca terá unha planta baixa e tres andares. A planta baixa terá o seu acceso na fachada principal do pazo, albergará a recepción, o punto de encontro e terá dous espazos expositivos. A seguinte planta acollerá a denominada sala nobre, que contará con dúas salas expositivas e unha galería. O segundo e terceiro andar terán, cada un delas terá sala e unha galería. A torre miradoiro, pola súa banda, "proporcionará identidade ao centro expositivo", comentou o tenente de alcalde. Finalmente, respecto ao soto, indicou que nel se ubicarán os aseos e os espazos para o traballo do persoal. O tenente de alcalde lembrou que tras a execución deste proxecto, a nova pinacoteca vai ter unha superficie total construída de 1.542 metros cadrados e unha superficie expositiva de 1.475 metros cadrados.

A preguntas dos xornalistas o concelleiro de Patrimonio Histórico indicou que o proxecto contempla que todas as obras de Castrelos poidan ser expostas nas novas instalacións, pero que haberá pezas que non se trasladarán "porque pertencen á identidade do pazo de Castrelos", manifestou.
Descargar todas as imaxes