Escoitar

O tenente de alcalde anuncia o investimento de 900.000 euros en novas actuacións de mellora de servizos no Casco Vello

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este luns o investimento de 900.000 euros para a execución de novas actuacións de mellora dos servizos públicos do Casco Vello, nunha nova fase das intervencións con cargo aos fondos do plan FEIL. As obras previstas levaranse a cabo tanto na parte alta do barrio como na súa parte baixa e, segundo o edil, tratan de "mellorar o que no se ve, para mellorar a calidade de vida da veciñanza".

luns, 5 abr 2010
1270468706ruascascovello.jpg
"Continuamos na nosa aposta pola recuperación integral do Casco Vello", dixo Santi Domínguez na presentación dos novos proxectos. O nacionalista destacou que ao inicio do actual goberno municipal marcou un prazo de dúas lexislaturas para cumprir este obxectivo, pero que grazas a aposta das áreas coordinadas pola Tenencia de Alcaldía foi posible adiantar estes prazos. "O 2010 vai ser o ano no que poderemos visualizar que entre o 80% e o 90% o Casco Vello estará recuperado para o uso e goce da veciñanza", asegurou.

O tenente de alcalde explicou que as actuacións que se levarán a cabo darán resposta a "demandas históricas da veciñanza do Casco Vello". Consisten na mellora do abastecemento da rede de auga e do alcantarillado, así como na instalación dunha rede separativa de saneamento, a mellora do alumeado, potenciando a súa eficacia enerxética, a instalación da rede de gas e a mellora do entramado viario.

Na zona baixa do Casco Vello as obras afectarán ás rúas Oliva e Real, así como a Praza da Pedra e ao contorno da Colexiata, cun total de 1.700 metros cadrados e un orzamento de 695.000 euros. Ao respecto, Santi Domínguez indicou que na maior parte da superficie está previsto conservar o pavimento existente, posto que se atopa en bo estado. Na parte baixa, as actuacións serán na Subida ao Castelo e na súa extensión á rúa Hortas, cunha superficie de 460 metros cadrados e 184.000 euros de orzamento. Respecto ao pavimento desta zona sinalou que será preciso substituirlo na súa maior parte, xa que está "bastante deteriorado". Estas actuacións, segundo sinalou o nacionalista, comezarán na primeira semana de maio e teñen un prazo de execución de cinco meses.

O tenente de alcalde engadiu que estas intervencións se completarán coas actuacións previstas no FEIl e nos orzamentos municipais, que se centrarán na mellora do alumeado, na orzamentación do barrio e na instalación do microbús, entre outras iniciativas, así como na recuperación das fachadas do Berbés.

En resposta aos medios sobre o proxecto de ornamentación, Santi Domínguez adiantou que é un proxecto que se está preparando, pero co obxectivo de que "unha vez que as necesidades básicas estean cubertas, queremos poñer bonito o Casco Vello a través dunha decoración que sexa simbólica para o barrio".

Sobre o futuro do programa de coidadores de barrio, a preguntas dos xornalistas, aclarou que se trata dun servizo que non é municipal, senón que depende do Consorcio do Casco Vello. Lembrou que foi impulsado por el mesmo cando era presidente desta entidade e que dende zonas ao carón do Casco Vello incluso teñen demandado información sobre a posibilidade de ampliar o servizo. Santi Domínguez sinalou que o actual programa remata o 31 de maio, polo que é preciso saber que pensa facer a actual dirección do Consorcio ao respecto. "Si podo dicir que estamos traballando para buscar fórmulas que permitan manter o servizo", salientou.
Descargar todas as imaxes