mércores, 7 abril 2010

Tráfico habilita unha enquisa cidadá para decidir os novos semáforos de Vigo

O concelleiro de Mobilidade e Transporte, Xulio Calviño, anunciou hoxe mércores a "renovación integral" da rede semafórica municipal, con "custe cero" para o Concello, que cambiará todas as unidades progresivamente. Para decidir a cor e o modelo, o departamento habilitou na web municipal (www.vigo.org) unha enquisa cidadá. Calviño anunciou asemade a instalación experimental de contadores de segundos nos semáforos para peóns e novos avisadores acústicos para invidentes.

O programa de Avellentamento Activo, que en 2009 deu servizo a 1.230 persoas, amplíase con visitas aos xacementos

mércores, 7 abr 2010

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, fixo balance do programa de Avellentamento Activo e salientou que ao longo do 2009 un total de 1.230 persoas participaron nos cursos que se desenvolveron en 17 asociacións veciñais. Asemade, a edil destacou que como novidade, o programa para este ano inclúe visitas aos xacementos arqueolóxicos de Toralla, O Castro e as salinas de Rosalía de Castro baixo o nome "Percorrido pola nosa historia".

Santi Domínguez anuncia que Lavadores completará a súa a oferta deportiva cun amplo complexo de pistas abertas

mércores, 7 abr 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, presentaron este mércores o novo complexo deportivo de Barreiro, que conta cun orzamento de 1.130.000 euros con cargo ao Plan FEIL 2010. Segundo Santi Domínguez, este polideportivo ubicado nunha gran zona verde, completa a oferta deportiva de Lavadores, xa que ao seu carón se atopa o complexo de auga, e responde ás necesidades da veciñanza.

Educación pon en marcha a "Campaña de Animación á Lectura – CONTARTE

mércores, 7 abr 2010

Esta iniciativa didáctica municipal, que promove o Servizo Municipal de Educación en colaboración con "OCO EDITORA, S.L.", pretende traballar na procura do fomento do hábito lector na poboación escolar de educación primaria. A campaña desenvolverase do 7 de abril ó 7 de maio na que participarán más de 3.000 escolares de 34 centros.

Santi Domínguez asegura que a inauguración da sección de galego da Biblioteca Nacional de París prestixiará nosa lingua

mércores, 7 abr 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, salientaron hoxe a importancia de que a Biblioteca Nacional de París amosara o seu interese pola literatura galega e decidira crear unha sección de infantil e xuvenil. Tras a xuntanza que mantiveron coa xestora dos fondos en literatura galega desta biblioteca francesa, Marie-Isabelle Prado, o edil asegurou que a inauguración desta sección na Biblioteca Nacional de París "vai prestixiar a nosa lingua, a nosa creación literaria e a difundir a nosa cidade".