O xacemento de O Castro acada os 10.000 visitantes, que valoran o recinto cunha nota media próxima ao 9

venres, 16 abr 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, asegurou este venres que as visitas ao xacemento de O Castro sumarán entre hoxe e mañá as 10.000 persoas dende a súa apertura hai dous meses e medio tras a súa recuperación. Na visita que realizou xunto ao concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, o edil destacou tamén que a afluenza de público é unha media de 165 visitantes diarios e que a nota media que conceden ao recinto é de 8,8.

O tenente de alcalde anuncia o investimento de 900.000 euros en novas actuacións de mellora de servizos no Casco Vello

luns, 5 abr 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este luns o investimento de 900.000 euros para a execución de novas actuacións de mellora dos servizos públicos do Casco Vello, nunha nova fase das intervencións con cargo aos fondos do plan FEIL. As obras previstas levaranse a cabo tanto na parte alta do barrio como na súa parte baixa e, segundo o edil, tratan de "mellorar o que no se ve, para mellorar a calidade de vida da veciñanza".

O plan expositivo do Museo da Cidade inclúe tres grandes exposicións para poñer en valor a historia de Vigo

mércores, 31 mar 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou hoxe o Plan Expositivo do Museo da Cidade para este ano, que terá como eixo fundamental a posta en valor da historia de Vigo a través de tres grandes exposicións. "Vigo, o nacemento dunha cidade: 1810-1910" e "Vigo durante o século XX" serán as exposicións que se poderán ver no Pazo de Castrelos dende o 22 de novembro, e a elas se sumará "O novo Museo da Cidade", que se abrirá no mes de outubro na Casa das Artes.

Santi Domínguez avanza que a reconstrución do edificio do Centro Galego de Fotografía comezará en maio

martes, 16 mar 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, avanzou este martes que a reconstrución do edificio que albergará o novo Centro Galego de Fotografía comezará no vindeiro mes de maio, de xeito que podería abrir no primeiro trimestre de 2011. O concelleiro anunciouno na visita que realizou ao inicio das obras de demolición do inmoble, ubicado na rúa Chao, e que segundo apuntou non será unha "demolición masiva", co obxectivo de reutilizar a pedra ben conservada na reconstrución desta nova dotación cultural.

Santi Domínguez anuncia o investimento de 489.000 euros para impulsar a rehabilitación do casco histórico de Bouzas

luns, 15 mar 2010

O tenente de alcalde e concelleiro de Cascos Históricos, Santi Domínguez, presentou este luns os proxectos de rehabilitación do contorno da Praza de Diego Santos e da rúa Cruceiro Vello de Bouzas. Na súa intervención, o concelleiro salientou que estas actuacións contan cun orzamento de 489.000 euros, financiados con cargo ao Plan FEIL correspondente ao 2010, e teñen o obxectivo de recuperar espazos peonís no casco histórico de Bouzas.

Santi Domínguez anuncia que a finais de abril empezarán as obras da pinacoteca, que abrirá ao público no inicio de 2011

venres, 12 mar 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, avanzou este venres que está previsto que a rehabilitación dos edificios que acollerán a nova pinacoteca comezará a finais de abril co obxectivo de que as novas instalacións culturais da cidade podan abrir a principios do 2011. Na presentación do proxecto, o concelleiro indicou que o será financiado con cargo fondo estatal cun orzamento aproximado de 3 millóns de euros e que a actuación "completerá a rexeneración ambiental e urbanística da parte alta do Casco Vello".

Máis de 4.600 persoas visitaron o xacemento do poboado do Castro no seu primeiro mes de apertura ao público

martes, 9 mar 2010

No primeiro mes de apertura ao público da musealización do poboado do Castro 4.624 persoas visitaron o xacemento. O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, salientou a gran acollida que o recinto arqueolóxico está a ter, sobre todo, tendo en conta que é un espazo aberto e as condicións climatolóxicas foron adversas nestas últimas semanas.

O tenente de alcalde anuncia un plan de rehabilitación das fachadas do Berbés con axudas municipais aos propietarios<br />

mércores, 3 mar 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, presentaron este mércores o primeiro proxecto do Concello de Vigo para rehabilitar a fachada marítima do Berbés, que inclúe actuacións en 48 inmobles. Os conclleiros salientaron tamén que o plan pon á disposición dos propietarios unha liña de axudas para facer fronte ás obras.

Máis de 1.500 persoas visitaron a exposición "Xoias da colección Álvarez" na súa primeira semana de apertura

venres, 26 feb 2010

Máis de 1.500 persoas se achegaron xa á Casa das Artes para visitar a mostra "Xoias da colección Álvarez: Esplendor cerámico de Vigo", dende a súa inauguración o pasado día 18, segundo os datos facilitados pola Concellería de Patrimonio Histórico. Segundo Eudosio Álvarez, esta afluenza de público amosa o gran interese da cidadanía por coñecer o patrimonio industrial da cidade.

O tenente de alcalde convida á cidadanía a visitar "Xoias da Colección Álvarez" para coñecer a riqueza patrimonial de Vigo <br />

xoves, 18 feb 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, participou este xoves nunha visita guiada á exposición "Xoias da Colección Álvarez: Esplendor cerámico de Vigo", que se inaugura hoxe na Casa das Artes, e afirmou que a mostra é un exemplo máis da riqueza cultural e patrimonial de Vigo. No transcurso do percorrido, no que tamén participaron os concelleiros de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, Cultura, Xesus López, e Deportes, Xabier Alonso, o tenente de alcalde convidou á cidadanía a visitar a exposición, xa que é unha oportunidade única para "coñecer unha parte fundamental do noso patrimonio industrial".