Escoitar

Eudosio Álvarez anima a participar o mércores nas propostas do Museo da Cidade con motivo do Día dos Museos

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, anunciou hoxe que o Museo da Cidade Quiñones de León acollerá o mércores, 18 de maio, diversas propostas para conmemorar o Día Internacional dos Museos. O nacionalista convida á cidadanía a participar nas visitas guiadas ao pazo, que terán lugar ás 17 e ás 18.30 horas baixo o nome "O museo da memoria", e na actividade "Te ao solpor no xardín de Castrelos", que se celebrará ás 20.30 horas.

luns, 16 mai 2011
Respecto ás visitas guiadas, "O museo da memoria", Eudosio Álvarez explica que serán "dúas visitas excepcionais ao Pazo que afondarán no seu significado como contedor da memoria da cidade de Vigo". A entrada a esta iniciativa é libre, gratuíta, e sen reserva, ata completar o aforo.

"Té ao solpor no xardín de Castrelos" convidará, con puntualidade ás 20.30 horas, ás persoas que desexen gozar dun te, frío ou quente, no xardín inglés do pazo de Castrelos. O acto será amenizado polo trío de corda "Cordas Novas". A entrada para participar nesta proposta é libre e gratuíta, pero dado que non haberá cadeiras, resulta conveniente levar unha manta para sentar na pradaría.