Escoitar

O alcalde anuncia para xuño un voo Vigo-As Palmas e avanza que está "moi adiantado" o acordo para volar a Málaga e Baleares

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe venres que a compañía Orbest unirá Peinador con As Palmas desde o próximo mes de xuño sen achegas municipais, ao tempo que as conversas avanzan para abrir outras rutas a Málaga, Baleares, Valencia e Sevilla. Caballero indicou que o tráfico incrementouse o mes pasado con respecto a abril de 2010 grazas aos viaxeiros do voo subvencionado polo Concello, o Vigo-Londres, que aportou 1.200 nos seus primeiros quince días.

venres, 13 mai 2011
1305289965Imagen003.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este venres un novo voo de Orbest que unirá desde xuño Vigo e As Palmas, ao tempo que avanza nas negociacións para conectar Peinador con Málaga, Baleares, Valencia e Sevilla.

"Toda a aposta polo aeroporto de Vigo está a facela o Concello", recordou Caballero, quen reclamou á Xunta de Galicia o seu apoio para Peinador. O alcalde explicou que o voo subvencionado en Vigo polo goberno autonómico -con destino Bruxelas- deixou no mes de abril un cifra de 810 pasaxeiros, polos 22.000 das distintas conexións sufragadas pola Xunta en Santiago.

Abel Caballero asegurou que "no mes de abril recuperamos os tráficos con respecto a abril do ano pasado" grazas ao "magnífico comportamento" do traxecto a Londres, subvencionado polo Concello de Vigo. Nos quince días que estivo en marcha de abril -o voo iniciouse o 16 do devandito mes- rexistrou 1.200 pasaxeiros, cunha media de 100 diarios e un 60% de ocupación. Estas cifras confirman que "acertamos de cheo" ao apostar por Londres como "gran voo internacional do sur de Galicia", apuntou.

Xunto ao éxito da conexión con Heathrow, o alcalde explica a "lixeira recuperación" do tráfico de pasaxeiros no aeroporto de Vigo polo "sólido" comportamento da ruta a París, que "crece de forma moi importante" sen axudas públicas de ningún tipo.
Descargar todas as imaxes