Escoitar

O Concello anima aos 3.000 participantes no Correlingua a xogar na defensa do galego

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, participaron este xoves na saída do Correlingua 2011, que na Praza do Rei reuníu a máis de 2.500 alumnos e alumnas de primaria e secundaria que tras o percorrido uniríanse aos 500 de infantil que xa se atopaban no parque de Castrelos. Os representantes do goberno local animaro a que corran e xoguen en defensa da lingua galega, porque tal e como apunta o lema deste ano "En galego sempre somos".

xoves, 12 mai 2011
1305202411Correlingua.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, animou a todos os rapaces e rapazas dos distintos centros escolares a percorrer a cidade en defensa da lingua galega, ensalzando ao tempo a iniciativa do Correlingua para os máis pequenos.

Iolanda Veloso explicoulles cal é o obxectivo da concellería que dirixe: "Normalización Lingüística trata precisamente de facer normal unha lingua", sinalou. Facendo partícipes aos rapaces e rapazas, preguntoulles cal é a lingua habitualmente empregada nos bancos, no cine ou nos videoxogos, e dado que a resposta é o castelán, aclaroulles que a Concellería de Normalización Lingüística pretende "que sexa normal que usen o galego" nestas situacións.

A concelleira do BNG agradeceulles aos nenos e nenas a súa participación no Correlingua, así como ao profesorado. Partindo da Praza do Rei, o itinerario percorreu a Avenida das Camelias, a Praza da Independencia, a Praza de América e a Avenida de Castrelos, para rematar no parque de Castrelos, onde os cativos e cativas participarán en diferentes obradoiros e concursos.

"Da gusto ver a tantos nenos e nenas de todas as parroquias de Vigo", asegurou o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso na súa intervención. Destacou que os e as participantes nesta iniciativa están facendo "algo moi importante" polos seus pais e avós, ao defender unha lingua con séculos de historia.
Descargar todas as imaxes