Escoitar

Eudosio Álvarez anuncia que a visita guiada á área etnográfica e arqueolóxica de Saiáns terá lugar o vindeiro 17 de maio

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, anunciou hoxe que o vindeiro martes, 17 de maio, celebrarase un roteiro etnográfico e arqueolóxico na parroquia de Saiáns. O percorrido terá lugar de 11 a 14 horas dende o parque forestal de Saians e a visita guiada correrá a cargo do arqueólogo Eduardo Velázquez. Este roteiro súmase aos creados en Candeán e Zamáns, e segundo o concelleiro nacionalista, con esta iniciativa quérese dar e coñecer e poñer en valor o rico patrimonio vigués, "favorecendo que se convertan nun recurso que reforce o valor cultural e identitario das parroquias".

luns, 16 mai 2011
Eudosio Álvarez considera imprescindible dar cobertura á demanda da poboación de conservar e facer visibles vestixios, que nalgúns casos, como as mámoas, teñen máis de 6.000 anos de antigüidade, expostos a un perigo real de destrución e alteración por descoñecemento. O proxecto, impulsado pola Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Patrimonio Histórico, conta con financiación do plan FEELS 2010 do Goberno estatal.

Ademais da creación dos roteiros nas parroquias de Saiáns, Candeán e Zamáns, a iniciativa tamén inclúe a creación da páxina web www.areasetnoarqueoloxicas.vigo.org e a edición de materiais informativos e didácticos. Segundo o concelleiro de Patrimonio Histórico, un equipo multidisciplinar de historiadores, arqueólogos, antropólogos, xeógrafos, deseñadores e realizadores de vídeo desenvolveron durante o último ano un traballo de recollida da información patrimonial destas parroquias para a súa valoración e uso como recurso cultural.