Escoitar

A Pinacoteca acolle o sábado o fallo do certame "Novos valores da plástica galega" e unha homenaxe aos autores galegos

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, anunciou que o sábado 30 darase a coñecer o fallo do certame de pintura "Novos valores da plástica galega" e a homenaxe aos autores galegos nun acto que terá lugar na Pinacoteca da Cidade ás 12 horas. "Queremos render homenaxe aos grandes nomes da nosa arte e tamén poñer en valor o traballo da xente nova", indicou.

venres, 29 abr 2011
1304080966panoramicabuena.JPG
Eudosio Álvarez salientou a alta participación no certame de pintura, que ten o obxectivo de animar á produción artística entre a xuventude de Galiza, xa que en total foron seleccionadas "21 obras de autores xóvenes da nosa comunidade". O concelleiro nacionalista explicou que as obras seleccionadas están realizadas en técnicas e soportes diversos, e son de autores e autoras galegos ou residentes en Galiza de idades comprendidas entre os 16 e 35 anos. A mostra poderase visitar na Casa Galega da Cultura hoxe de 18 a 21.30 horas; mañá, de 12.30 a 14 horas e de 17 a 21.30 horas; e o domingo, 1 de maio de 12.30 a 14 horas e de 17 a 20 horas.

Respecto aos premios que se entregarán, Eudosio Álvarez indicou que o primeiro está dotado coa cantidade de 4.000 euros e a súa adquisición por parte do Museo da Cidade para a súa posterior exhibición na Pinacoteca. O segundo premio é de 2.000 euros e tamén contempla a adquisición da obra; ademais, está prevista a posibilidade de que a organización conceda dous accésits de 2.000 euros.

O acto de mañá tamén contará coas intervencións do tenente de alcalde, Santi Domínguez, e Antonio Quesada, que explicarán os criterios seguidos na selección das obras gañadoras. Finalmente, terá lugar unha visita guiada á mostra inaugural da Pinacoteca "O fermoso rostro do país".
Descargar todas as imaxes