Escoitar

A corporación acorda demandar á Xunta a suba do 20% do orzamento do plan concertado de servizos sociais

O Pleno da corporación aprobou hoxe a proposta do BNG, co apoio do PSOE e os votos en contra do PP, unha moción que demanda á Xunta o incremento do 20% do orzamento do Plan Concertado destinado ao Servizo de Axuda a Domicilio e persoal de servizos sociais básicos. Na defensa da moción, a concelleira de Benestar Social, María Méndez, criticou a conxelación da achega da Xunta para prestar os servizos sociais, o cal "condena en Vigo a que haxa 300 persoas sen ter prestacións", denunciou.

xoves, 28 abr 2011
A concelleira nacionalista fixo a defensa desta moción despois de dar conta do acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local o pasado 4 de abril para solicitar á Consellería de Traballo a cofinanciación da prestación dos servizos sociais no 2011. Segundo María Méndez, o Concello de Vigo ten dado resposta ao seu compromiso coa atención social ao incrementar o orzamento da Concellería de Benestar dos 4 millóns de euros no 2007 ata os 10 millóns de euros no exercicio actual.

Pola contra, María Méndez manifestou que na orde de subvención publicada no DOG o día 29 de marzo pódese comprobar que "non é certa a a implicación da Xunta nos servizos sociais". A concelleira citou literalmente o texto no que se di que "con carácter xeral non se financiaran novas altas do Servizo de Axuda no Fogar que se prestan a aquelas persoas non recoñecidas como dependentes". Como consecuencia desta decisión do goberno galego, María Méndez criticou que non se lle poderá prestar o SAF a aquelas persoas que tendo recoñecida a dependencia necesitan axuda no fogar nin aumentar o persoal de servizos sociais para atender toda a demanda existente. "O que fai o Partido Popular é asinar a sentenza de morte do Servizo de Axuda Domicilio e retrotraernos a 1988, cando non había este servizo", acusou a nacionalista.

En resposta ás criticas vertidas pola concelleira popular Marián García sobre a etapa na que era vicepresidente de Igualdade e Benestar, Anxo Quintana, a concelleira do BNG destacou que a contía do plan concertado percibida por este Concello aumentou considerablemente entre os anos 2005 e 2009, ao pasar de 586.453 euros a 1.704.000 euros, o cal supón un incremento do 190%. Ademais, apuntou que no ano 2009, coincidindo coa chegada do PP á Xunta esta cantidade aumentou unicamente un 3,6% para o 2010.

Por outra banda, María Méndez apuntou que durante ese tempo, as persoas recoñecidas como dependentes e que teñen recoñecido o SAF en Vigo pasaron de 129 a 296 e o número de horas prestadas pasou de 134.302 horas en 2009 a 203.432,55 horas en 2010. Salientou asemade que o cumprimento do compromiso do goberno municipal tamén se pode comprobar co aumentado en 11 traballadores para poder pasar de 11 UTS a 17 UTS, diminuíndo así o ratio de persoas atendidas por cada traballadora social de 27.000 a 17.000 persoas.

Ademais, a concelleira de Benestar Social puxo como exemplo o centro de día de Valadares, pechado pese a estar rematado dende hai dous anos, da falta de compromiso do goberno galego coas persoas menos favorecidas. "Falta compromiso do PP con esta cidade, cos servizos sociais e coa xeración de emprego", dixo ao respecto.