Xesus López salienta o carácter innovador do festival Alt'10 de artes escénicas, que comeza o 11 de marzo

mércores, 3 mar 2010

O concelleiro de Cultura, Xesus López, destacou este mércores o carácter innovador e arriscado do Festival Alternativo Alt'10 das artes escénicas, cuxo primeiro bloque de programación terá lugar do 11 ao 14 de marzo. O concelleiro salientou tamén a incorporación de novos espazos da cidade nos que se desenvolverán as actuacións desta novena edición do festival.

O tenente de alcalde avanza que a primeira biblioteca de barrio municipal abrirá tras o verán co nome do escritor Neira Vilas

martes, 2 mar 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este martes que a primeira biblioteca municipal de barrio da cidade será unha homenaxe ao escritor Xosé Neira Vilas, xa que levará o seu nome. Na visita que xunto ao concelleiro de Cultura, Xesus López, realizou a esta nova dotación, ubicada na rúa Martínez Garrido, o nacionalista subliñou que ademais de contribuir a paliar a carencia de postos de lectura que hai en Vigo, o centro será un elemento fundamental na dinamización do barrio.

As salinas romanas de Vigo consolídanse como importante referencia arqueolóxica en Galicia<br /> Edítase material pedagóxico sobre o centro e dirixido a Educación Primaria e Secundaria

Salinae supera as 16.000 visitas en tan só un ano

venres, 26 feb 2010

Tras un ano dende a súa apertura, o Centro Arqueolóxico do Areal – Salinae, xestionado polo Museo do Mar de Galicia, supera xa as 16.000 visitas. Desta forma, as salinas romanas situadas na rúa Rosalía de Castro de Vigo consolídanse coma unha das referencias arqueolóxicas máis destacadas de toda a comunidade galega. Na actualidade, ademáis de Salinae, están cobrando especial importancia diferentes ubicacións da época romana na cidade como Toralla e o xacemento de O Castro, co que resulta moito máis doado achegarse a unha visión completa do mundo romano en Vigo.

O MARCO abre ao público unha exposición de Candida Höfer con Kuehn Malvezzi

venres, 26 feb 2010

O 26 de febreiro inaugúrase na planta baixa do museo MARCO a exposición individual da fotógrafa alemá Candida Höfer, unha das máis importantes representantes da Escola de Düsseldorf, que mostrará unha selección dos seus traballos dos últimos corenta anos nunha montaxe realizada polo prestixioso estudio de arquitectura Kuehn Malvezzi.

Últimas prazas do curso sobre Historia da Fotografía no MARCO

mércores, 17 feb 2010

A partir do mércores 23 de febreiro comeza no MARCO un novo curso para adultos, impartido por Ana Pereira Molares, e destinado a persoas interesadas en coñecer os principais movementos e autores da historia da arte contemporánea. Neste caso trátase dun curso cuadrimestral que baixo o título ‘A FOTOGRAFÍA. Historia doutra mirada’, analiza os principais movementos e autores da historia da fotografía, dende o seu nacemento ata as últimas tendencias.

Xesus López destaca a singularidade do festival SinSal, que continúa cun concerto o 8 de abril no Marco

mércores, 17 feb 2010

O concelleiro de Cultura, Xesus López, destacou este mércores a singularidade do festival SinSal, que ofrecerá o seu seguinte concerto o 8 de abril no Museo Marco, coa actuación de Lisa Germano e Philip Selway, o batería da banda Radiohead. O nacionalista salientou asemade que se trata dun dos festivais de máis calidade e máis éxito da cidade, que presenta novamente, na súa octava edición, unha programación innovadora e comprometida.

O sepelio do deus Momo despide o Entroido 2010

martes, 16 feb 2010

Responsos, sermóns e cantos solemenes, dentro dos oficios laicos que se desenvolverán na Estación marítima de Ría, a partir das 20.30 horas do mércores, van a servir para despedir o Entroido 2010 en Vigo, unha celebración que desde o 12 de febreiro estimulou a participación cidadá no popular festexo e tamén a recuperación dalgúns elementos representativos do espirítu carnavaleiro implícito en vellas tradicións que estiveron presentes nas rúas e prazas do casco vello vigués.

"Vicus x Haití" exposición na Casa das Artes

venres, 12 feb 2010

A planta baixa das Casa das Artes acolle do 13 de febreriro ó 7 de marzo a exposición "Vicus x Haiti".A iniciativa dun grupo de artistas de Vigo, o Concello de Vigo puxo en marcha, unha exposición con obras de cento corenta e cinco creadores plásticos (pintores, escultores, fotógrafos, ilustradores, etc) como testemuño de solidariedade. A intención primordial é recadar o maior número de fondos posibles con destino a "URXENCIA EN HAITÍ" de UNICEF, organismo internacional de axuda á infancia.

O desfile de comparsas e carrozas anima este fin de semana o Entroido

venres, 12 feb 2010

O Entroido 2010 sae con todo o seu colorido e animación este fin de semana ás rúas de Vigo, donde se desenvolverán algunhas das actividades máis participativas do calendario carnavaleiro na cidade, entre outras o desfile de comparsas e carrozas, durante a xornada do sábado a partir das sete da tarde. As convocatorias abertas aos máis pequenos, charangas, concurso de coplas e serán están previstas para a tarde do domingo.

Xesus López anuncia que a cantante Norah Jones presentará o 14 de xullo no auditorio de Castrelos o seu último disco

xoves, 11 feb 2010

O concelleiro de Cultura, Xesus López, anunciou hoxe que o auditorio de Castrelos acollerá o 14 de xullo o concerto da cantante, pianista e compositora Norah Jones. Esta actuación, que se enmarca na xira mundial da artista, é unha das tres únicas citas que a cantante terá no Estado español e a única en Galiza, nas que Jones presenta o cuarto traballo, titulado "The Fall".