Escoitar

A Orquestra Vigo 430 actúa mañá mércores no Auditorio Municipal cun programa que inclúe obras de Mendelssohn e Britten

O programa estable de artes escénicas que organiza a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural no Auditorio Municipal continúa mañá, 2 de marzo ás 20.30 horas, cunha nova actuación da Orquestra Vigo 430. O concerto terá a Alejandro Garrido como director e nesta ocasión contará con Anna Puig como viola solista. O prezo das entradas é de 5 euros e pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.

martes, 1 mar 2011
Creada no ano 2005 como "Ensemble Vigo 430", a orquestra Vigo 430 está formada na súa maioría por músicos profesionais que se completan con moitos dos máis brillantes expoñentes da prolífica canteira musical de Vigo. O seu elenco vai dende os 14 músicos da pequena orquestra de cámara, necesaria para abordar o repertorio barroco, e outra integrada por 43 músicos que compoñen a formación sinfónica, baixo a xestión de Javier Escobar e a dirección artística de Alejandro Garrido.

O programa da actuación de mañá inclúe o Concerto para Viola e orquestra en Sol maior de Georg Philipp Telemann, Simple Symphony de Benjamin Britten, Adagio de Samuel Barber, Trauermusik de Paul Hindemith, e Sinfonía Nº9 en Do menor "La Suisse" de Felix Mendelssohn. A programación completa da Concellería de Cultura pódese consultar en www.vigocultura.org.