Escoitar

O goberno local ratifica iniciar trámites para adaptar o PXOM ás novas entradas viarias e ferroviarias da cidade

Socialistas e nacionalistas aprobaron no Pleno deste luns -coa absteción do PP- iniciar os estudos sobre a modificación do Plan Xeral para adaptalo aos novos trazados viarios e ferroviarios de entrada a Vigo. A chegada do AVE en túnel ata Urzáiz implicará a construción dunha senda verde de tres quilómetros polo actual percorrido das vías en superficie, e Urbanismo redactará outro deseño de estrada para acceder ao centro desde o Seminario da Avenida de Madrid.

luns, 28 feb 2011
Os votos favorables de PSOE e BNG ratificaron no Pleno deste luns a decisión da Xerencia de Urbanismo de modificar o Plan Xeral para adaptalo aos novos accesos a Vigo ferroviarios e viarios.

Coa abstención do PP, este acordo, que da continuidade ao adoptado a pasada semana no Consello semanal da Xerencia municipal de Urbanismo, autoriza ao departamento de Urbanismo a iniciar o estudo da modificación do PXOM derivado das novas entradas a Vigo.

No debate plenario, o voceiro do PP, Chema Figueroa, afirmou que o seu grupo xa denunciara a finais de 2007 que sería necesario introducir esta modificación, un "retraso" que explica a súa abstención na votación.

O concelleiro de Urbanismo, José Mariño, asegurou que a introdución dunha modificación do PXOM como esta por entón xeraría inseguridade xurídica ao documento; pola contra, hoxe son varias as sentencias xudiciais relativas ao Plan favorables aos intereses municipais polo que non existe tal eventualidade. "Por seguridade xurídica, houbo que agardar ao momento axeitado e así o informaron os técnicos municipais", concluíu.

Ferroviario
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciara o pasado mércores a decisión municipal de construir un paseo verde de tres quilómetros de lonxitude no espazo que actualmente ocupan as vías do tren ata Urzáiz, para o que é preciso modificar a normativa urbanística.

Caballero explicara que o Plan Xeral contemplaba a entrada do AVE a Vigo en superficie desde Redondela, o que na práctica suporía "partir a cidade en dous", sobre todo en Teis, xa que así foi asinado polo anterior goberno municipal. Coa chegada do actual executivo, a entrada foi modificada, o acceso soterrado xa está en obras, quedando liberado o terreo que ocupan hoxe as vías ferroviarias, que convertirase nunha senda verde de uso cidadá.

A modificación do Plan Xeral da cabida ao corridor verde, e nuns meses, os trenes deixarán de circular desde a estación de Urzáiz para facelo na provisional de Guixar, prácticamente rematada, ata que estea construída a nova terminal que acollerá o AVE. Para entón, a de Guixar permencerá como terminal de cercanías.

Viario
Tamén a pasada semana, o goberno local informara da decisión de iniciar os traballos de redacción do estudo para redeseñar a nova entrada viaria a Vigo desde o Seminario. A Xerencia de Urbanismo deu luz verde ao comezo dos trámites deste estudo, unha vez o goberno local e o Ministerio de Fomento acordaron descartar o "mal trazado" anterior, en verbas de Abel Caballero días atrás, que abría "un novo corte en medio da cidade de Vigo" ata rematar en Finca do Conde.

O alcalde estimou necesario "readaptar" os viais de entrada para encaixalos coa proxectada nova autovía de Vigo a Porriño e para rematar co acceso "duro e complexo" que supón hoxe en día a Avenida de Madrid.