venres, 12 nov 2010
A Concellería de Igualdade e o Consello Municipal da Muller organizan un ciclo de cine infantil e xuvenil durante os fins de semana deste mes de novembro, que terá lugar no museo Verbum ás 17:30 horas. O programa comezará este sábado, coa proxección de "Pérez, o rato dos teus sonos" e segundo informa a Concellería de Igualdade, ten entrada de balde e libre ata completar o aforo.
xoves, 11 nov 2010
O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este xoves a continuación do programa estable de artes escénicas do Auditorio Municipal ata fin de ano. Segundo destacou o concelleiro nacionalista trátase dunha programación "ampla, variada e para todos os públicos" que ademais "pon en valor un espazo como é o renovado Auditorio Municipal" e inclúe representacións teatrais para público adulto e infantil e actuacións musicais. A programación completa pódese consultar na web www.vigo.cultura.org.
xoves, 11 nov 2010
A programación estable de artes escénicas que organiza a Concellería de Cultura no Auditorio Municipal continúa mañá coa comedia "Sexo? Por que non?", que interpretará a actriz Mercedes Castro. A información completa da programación pódese consultar no 010 ou na web www.vigo.cultura.org.
martes, 9 nov 2010
O proxecto musical Xovigo traslada ao día 22 de novembro, no Auditorio Municipal, as probas de selección para participar no seu coro. Por outra banda, as probas para participar na orquestra mantéñense nos días 28 e 29 de decembro no Círculo Mercantil. O proxecto, impulsado pola Tenencia de Alcaldía e a Asociación Galega da Música está dirixido a mozos e mozas de entre 15 e 25 anos.
venres, 5 nov 2010
A compañía de monicreques Galitoon interpretará o domingo 7 de novembro ás 18 horas a obra "Rosalía, a pulga que escribía" no Auditorio Municipal. Con esta representación volve ao Auditorio do Concello o teatro infantil dentro da programación estable de artes escénicas organizada pola Concellería de Cultura
xoves, 4 nov 2010
O Auditorio Municipal acollerá mañá 5 de novembro ás 21 horas a obra "Maté a un tipo", a cargo da compañía Bambalinas Asesinas, dentro da programación estable de artes escénicas organizada pola Concellería de Cultura. O prezo das entradas para asistir á representación é de 7 euros, que poden adquirirse anticipadamente a través da páxina web www.laboleteria.es ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo. A información completa da programación pódese consultar no 010 ou na web www.vigo.cultura.org.
martes, 2 nov 2010
A Escola Municipal de Danza comezou o novo curso con case 300 alumnos e alumnas, o que supón un incremento do 11% respecto ás persoas matriculadas no curso anterior. Ademais, segundo informa a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural, o incremento da demanda permitiu implantar un novo grupo de percusión.
venres, 29 out 2010
A Semana de Teatro Afeccionado, que de desenvolve dende o luns no Auditorio Municipal en colaboración coa Agrupación de Centros Culturais de Vigo, rematará o vindeiro domingo 31 de outubro coa entrega de premios ás catros agrupacións elixidas para participar no programa Vigo a Escena 2011. Segundo o concelleiro de Cultura, Xesus López, o obxectivo desta iniciativa é "facer partícipes aos barrios e parroquias de Vigo nas actividades culturais da cidade".
martes, 26 out 2010
O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou hoxe a segunda edición do programa "6x6. Punto de encontro", que se desenvolverá no Verbum os xoves dende o 28 de outubro ao 2 de decembro, ás 20.30 horas. O concelleiro nacionalista destacou que este proxecto está integrado por un total de 18 espectáculos realizados por artistas emerxentes, coa palabra como eixo central.
venres, 22 out 2010
No marco do programa estable de artes escénicas destinada ao público infantil e familiar, o Auditorio Municipal acollerá o vindeiro domingo 24 de outubro o espectáculo "Nanomaxias", a cargo da compañía Román García. Segundo informa a Concellería de Cultura a actuación será ás 18 horas e o prezo das entradas é de 3 euros para os rapaces e rapazas até 12 anos e de 5 euros para os maiores de 13 anos.