A mostra "Quiñones de León: Unha pinacoteca para Galicia" pecha o vindeiro luns por mor da montaxe da nova Pinacoteca
A exposición "Quiñones de León: unha nova pinacoteca para Galicia", que dende o pasado mes de novembro se pode visitar na Casa das Artes, pechará o vindeiro luns, 7 de marzo, por mor dos traballos de montaxe da nova Pinacoteca. Organizada polas concellerías de Patrimonio Histórico e Cultura, a mostra recibiu dende o 26 de novembro de 2010 ao 2 de marzo de 2011 un total de 3.734 visitantes, que puideron ver o avance da exposición permanente que albergará o novo centro cultural vigués.
"Quiñones de León: unha nova pinacoteca para Galicia" está integrada por unha selección de 83 obras da colección municipal da plástica galega dos séculos XIX e XX, Inclúe obras de artistas como Serafín Avendaño, Maside, Sotomayor, Castelao, Laxeiro, Colmeiro e Lugrís, entre outros, e está articulada ao longo de dez apartados. Ademais dos xéneros clásicos como paisaxes e naturezas mortas, da cabida a outros temas que fan referencia aos costumes e as tradicións, a temática da muller, o eido social ou a reivindicación de clase dos propios artistas.