Escoitar

Santi Domínguez salienta que o Convention Bureau ten xa 83 empresas colaboradoras e 10 congresos pechados para 2011

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, deu conta dos asuntos tratados na xuntanza celebrada hoxe do padroado da Fundación Vigo Convention Bureau, na que se lle trasladou aos seus integrantes o balance das actividades que esta entidade realizou ao longo de 2010 e as previsións para 2011. Salientou a satisfacción manifestada polo padroado polo traballo feito no primeiro ano de andaina do Convention Bureau, xa que conta con 83 novas empresas colaboradores e 10 congresos a celebrar ao longo de 2011.

venres, 4 mar 2011
1299245520Bureau.JPG
O nacionalista afirmou que os eventos xa pechados polo Vigo Convention Bureau para este ano suporán máis de 9.000 congresistas que visiten a cidade e un retorno económico de aproximadamente 8 millóns de euros. "En tempo de crise é fundamental todo o que se poida traer á cidade, tanto para os hoteis, como os restaurantes, como para o pequeno e mediano comercio", asegurou. Segundo Santi Domínguez, un dos obxectivos do Convention Bureau consiste en que todos os aspectos dos congresos que se celebren en Vigo, entre os que citou os desprazamentos dos congresistas e o cátering, sexan feitos por empresas viguesas. "Cada vez que un congreso vén a nosa cidade, o retorno económico repercute en toda a cidade", subliñou.

Sobre as previsións para 2012, o tenente de alcalde destacou a coordinación existente entre o Convention Bureau e o Pazo de Congresos "para xuntar todos os esforzos posibles" co obxectivo para potenciar o retorno económico en Vigo. En resposta aos medios aclarou que dos 10 pechados para este ano 2011, dous deles serán no Pazo de Congresos, mentres que outros dous, que se celebrarán despois do verán, aínda non teñen definido o espazo.
Respecto á ampliación do número de empresas colaboradoras ata chegar ás 83, Santi Domínguez sinalou que foi unánime o recoñecemento do padroado polo "gran traballo realizado". Para o nacionalista é unha cifra moi importante porque ao seu xuizo "quere dicir o Convention Bureau calou no sector turístico da cidade". Avanzou que será motivo de debate no próximo comité a solicitude para participar por parte de novas empresas de fóra de Vigo.

Santi Domínguez explicou que na xuntanza do padroado deuse conta das actividades da Fundación baseadas en varias liñas: a ampliación do número de empresas colaboradoras, a participación do Convention Bureau en diversas feiras internacionais, a realización de actividades formativas, a creación do Vigo Film Office, a ratificación de novos convenios e os congresos que a Fundación organizou en Vigo no 2010.

Sobre a creación do Vigo Film Office, que xestiona os trámites e localización para que a cidade sexa escenario de rodaxe de documentais, películas ou anuncios publicitarios, o tenente de alcalde avanzou que ultimamente se recibiu algunha petición. "Esperamos concretala proximamente", sinalou. Outro dos temas tratados foi a ratificación do convenio con Asime, que permitirá ofertar visitas aos estaleiros vigueses aos congresos de carácter máis económico.

No tocante a presenza da Fundación noutros eventos internacionais, mencionou o INEX de Franfurt, a MITM European en Lloret de Mar, a BTC Internacional de Rímini e o Foro MICE 2010. Ademais, salientou a importancia da incorporación do Vigo Convention Bureau ao Spain Convention Bureau. "Son feiras que permiten a promoción do Convention Bureau e Vigo como cidade de turismo de negocios e grandes convencións", sinalou.
Descargar todas as imaxes