Escoitar

Santi Domínguez presenta o campus musical da Orquestra Xovigo, que se presentará en concerto o 12 e 13 de marzo

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, expresou hoxe a súa satisfacción pola posta en marcha da Orquestra Xovigo, que fará a súa estrea os vindeiros 12 e 13 de marzo no Auditorio Martín Codax do Conservatorio Superior de Música de Vigo. O nacionalista salientou que os integrantes do proxecto Xovigo participarán dende mañá e ata o 7 de marzo nun campus musical que contará cos mellores profesionais que teñen que ver coas orquestras nos diferentes ámbitos.

xoves, 3 mar 2011
1299168588Xovigo.JPG
Santi Domínguez asegurou que hoxe é un día "moi especial" para todo o equipo da Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura "porque é a primeira vez que os mozos e mozas vigueses poderán participar dende mañá nun campus musical. Segundo destacou, Xovigo é un proxecto que xa dende o seu inicio ten o obxectivo de "apostar polos nosos valores" e está encamiñado á formación dos seus compoñentes. "A formación serviralles para seguir cultivando as súas cualidades", afirmou.

O tenente de alcalde salientou que o campus musical contará con Diego García como director musical, e diversos profesores convidados, entre os que destacou o profesor da Guildhall School of Music and Drama London e do Belcea Quartet de Londres, Krzysztof Stefan Chorzelski, ambos presentes na rolda de prensa. "Este proxecto nace coa vocación de amosar a riqueza cultura viguesa non só en Vigo, senón polo mundo adiante", afirmou. Finalmente agradeceu aos directores da orquestra e o coro a súa colaboración, así como ao director artístico Roberto Relova, polo seu "gran traballo".

Roberto Relova expresou o seu agradecemento a Santi Domínguez, como artífice do proxecto, "no que leva traballando dende hai 2 anos", indicou. Destacou que é a primeira vez que a xuventude desta cidade ten a posibilidade de "participar nunha proxecto cunha calidade increíble". Diego García, pola súa banda manifestou o seu agradecemento a Xovigo por ser elixido para levar a dirección musical, así como a Tenencia de Alcaldía por poñer en marcha este proxecto. Ao seu xuizo o mérito estriba en que "non son dos habituais nin os máis fáciles de organizar".

Krzysztof Stefan Chorzelski manifesotu a súa satisfacción por estar en Vigo por primeira vez e participar no proxecto, grazas a súa amizade con Diego García. Agradeceu ao Concello de Vigo a organización do campus, que lle brinda a posibilidade de desenvolver unha das súas "grandes paixóns", como é o ensino a xente nova. "Agardo que sexa útil e proveitosa", manifestou.
Descargar todas as imaxes