Escoitar

O Consello Municipal da Muller entrega á RAG os 365 apoios para que María Xosé Queizán ingrese na Academia Galega

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, manifestou este xoves seu apoio á campaña que o Consello Municipal da Muller está levando a cabo para acadar que María Xosé Queizán ingrese na Real Academia Galega. Na marco desta iniciativa, o tenente de alcalde e a concelleira de Igualdade e Normalización Lingúística, Iolanda Veloso, mantiveron unha xuntanza co presidente da RAG, Xosé Luis Méndez Ferrín. No encontro tamén participaron diversas representantes do Consello Municipal da Muller co fin de facer entrega das 365 adhesións, tanto de persoas particulares como colectivos, á candidatura da escritora viguesa.

xoves, 3 mar 2011
1299160402RAG.JPG
Tras a xuntanza, Santi Domínguez agradeceu á presenza do presidente da RAG no Concello de Vigo. "Non imos descubrir os méritos de María Xosé Queizán como muller traballadora e enraizada na loita feminista, que ten que ser expoñente para moitas outras mulleres como figura comprometida coa cultura, a cidadanía e a loita feminista", comentou. O nacionalista asegurou que Vigo necesita "cada vez máis" que os nosos referentes sexan "coñecidos e venerados".

Iolanda Veloso explicou que unha vez que o Consello Municipal da Muller propón a candidatura de María Xosé Queizán á RAG, a Academia Galega ten que recollela para ser asinada por tres dos seus membros ou membras co obxectivo de ser presentada por rexistro. "Pretendemos unir o traballo da RAG na loita pola lingua e a cultura e as demandas sociais, así como co sentir das mulleres vigueses, que está secundado por moitas persoas de todo o país", salientou a concelleira de Igualdade e Normalización Lingüística.

Xosé Luis Méndez Ferrín afirmou que foi unha reunión "moi interesante" a celebrada co Consello Municipal da Muller. "Pensamos que a nosa presenza ten que ser reticular e ter presenza en toda a realidade, como é a condición feminina", manifestou. O presidente da RAG recoñeceu que o Consello fíxolle chegar a proposta de ingreso da escritora viguesa como académica numeraria "acompañada dunha serie de apoios recabados con moita intelixencia e eficacia noutros concellos galegos".

En resposta aos medios sobre as perspectivas de ingreso de María Xosé Queizán na RAG dixo que a Academia é un "órgano independente e soberano" e terá que dicidir. Sobre o procedemento explicou que na actualidade hai dúas vacantes proclamadas e outra que o será en breve.
Descargar todas as imaxes