Escoitar

Xabier Alonso anuncia que o Memorial Francisco Castro disputarase o domingo con máis de 300 atletas participantes

O Concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, presentou este xoves unha nova edición do Memorial Francisco Castro de atletismo en pista, que se celebrará o vindeiro domingo, 6 de marzo, no estadio municipal de atletismo de Balaídos a partir das 11 horas. Asegurou que nesta 26 edición, a proba reunirá a máis de 300 atletas nas diferentes categorías.

xoves, 3 mar 2011
1299160363Castro.JPG
"Dende a Concellería de Deportes consideramos fundamental apoiar as probas deportivas, e nomeadamente as de atletismo, porque é a disciplina olímpica que máis éxitos ten colleitado para o deporte vigués", afirmou o concelleiro nacionalista. Destacou a consolidación desta competición, que ten por obxectivo manter a memoria de Francisco Castro, polo que felicitou á Federación Galega de Atletismo por mantela. Segundo Xabier Alonso, a proba será un "espectáculo extraordinario".

O delegado da Federación Galega de Atletismo, Eleuterio García, manifestou o seu agradecemento á Concellería de Deportes pola súa colaboración para organizar o evento. Sinalou que dende as 11 da mañá, hora na que se celebrarán os 3.000 metros lisos feminino martelo e masculino lonxitude, sucederanse as probas das distintas categorías. Ao remate da competición entregarase trofeo ao gañador de cada proba.
Descargar todas as imaxes