Escoitar

O mercado de produtos tradicionais do Paseo de Alfonso incluirá o domingo un obradoiro de reciclaxe de xabróns

O mercado de produtos tradicionais galegos que organiza a Concellería de Patrimonio Histórico no Paseo de Alfonso celebrará a sétima edición o vindeiro domingo, 6 de marzo. Segundo informa o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, nesta ocasión a feira vestirase de Entroido e contará cun ambiente de romaría con filloas, orellas, polbo e viño ecolóxico, entre outros produtos, pero tamén se poderá participar nun obradoiro de reciclaxe de xabróns de 12 a 13.30 horas.

venres, 4 mar 2011
O concelleiro de Patrimonio Histórico destaca que esta cita mensual no Paseo de Alfonso está a acadar unha "importante demanda" tanto por parte do público como dos artesáns e produtores. Ao respecto, indica que son xa medio centenar os que se turnan para participar nas diferentes edicións. Na busca do produto tradicional, nesta edición darase a coñecer a galiña de Mos, unha raza autóctona galega moi aprecida pola súa calidade. Venderanse ovos e haberá a posibilidade de contactar cos produtores de Soutodeherville, proxecto que nace co obxectivo de contribuír na recuperación da Galiña de Mos.

Dende a parroquia de Lira en Salvaterra chegarán os productos da horta ecolóxica Cesta Fresca, así como os da Finca Con da Santa, pioneira da agricultura ecolóxica en Galicia. Os queixos, estrelas da feira xunto cos produtos da horta estarán presentes coma sempre coa denominación de orixe tetilla, Arzúa-Ulloa e queixos de cabra. Queserías Daniel Toores e a cooperativa Como Cabras serán algúns dos produtores de queixo presentes na feria. Na busca da calidade, completarán a oferta a Panadería Divina, os embutidos de Ecogaliza e os productos ecolóxicos da cooperativa viguesa Árbore, así como o centenario viveiro vigués J. Flores

O mestre cesteiro Antonio Suárez fará unha demostración de cestería, de centenaria tradición na nosa cidade, combinándoa coa venta de produtos que forman parte do noso patrimonio cultural. Tamén participará o artesán tallista Jorge López Corcoba traballa a talla en madeira de obxectos de uso cotiá, a restauración, e a ornamentación de mobles. O deseño actual e sostible estará representado polos tecidos ecolóxicos e os deseños de algodón orgánico de María Almazán; as pezas de bisutería serán de Electro-I-K Xoiería moderna, no que a deseñadora Aldara Garcés fusiona materiais nobres con material diverso de refugallo.

Respecto ao obradoiro para familias de reciclaxe de xabrón, Eudosio Álvarez indica que se desenvolverá en colaboración coa Aula Medioambiental Aloe Ingenieros de 12 a 13.30, cun máximo de 20 prazas. Da man de Lidia, as persoas que o desexen participar poderán experimentar de xeito moi sinxelo como reutilizar os restos de xabrón para facer, por unha banda, xabóns de tocador, e por outra, lavavaixelas. Ao rematar, cada persoa poderá levar o produto elaborado.