Escoitar

Santi Domínguez anuncia que a Orquestra Xovigo comeza o sábado a súa andaina coa estrea mundial da obra "Rhapsody"

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou hoxe que a Orquestra Xovigo actuará por primeira vez os vindeiros 12 e 13 de marzo, ás 20.30 horas, no Auditorio Martín Codax do Conservatorio Superior de Música de Vigo coa estrea mundial da obra "Rhapsody in blue", do compositor galego Fernando Buide. O nacionalista expresou a súa satisfacción pola posta en marcha deste proxecto, que comezou a xestarse hai case dous anos e asegurou que amosa a "aposta pola formación dos xoves músicos vigueses".

xoves, 10 mar 2011
1299774561Xovigo.JPG
"Hoxe temos na nosa cidade unha gran orquestra, que tamén levará o noso orgullo fóra e sorprenderá pola súa calidade", afirmou Santi Domínguez na presentación dos concertos, na que ademais do director da orquestra, Diego García, tamén participaron diversos integrantes da formación. Indicou que a entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo, polo que animou aos vigueses e viguesas a gozar do concerto.

O director da orquestra explicou que a primeira parte dos concertos estará integrada pola estrea da obra "Rhapsody in blue", que contará como solista convidado no piano a Javier Otero. Na segunda parte a orquestra interpretará unha selección de danzas dos compositores Brahms e Dvorak. "Tentouse que fora un programa fresco, dinámico e distinto do que estamos acostumados a escoitar", sinalou Diego García. Expresou a súa satisfacción polo traballo dos integrantes da orquestra, que definiu como "ilusión, seriedade e profesionalidade". Dixo sentirse sorprendido e orgulloso pola capacidade dos mozos e mozas de enfrontarse ao repertorio "coa seriedade e profesionalidade como o están facendo".

O pianista Javier Otero, pola súa banda, expresou seu agradecemento a Santi Domínguez "por apostar, nestes momentos tan difíciles, pola galeguidade do proxecto". Sinalou que ás veces é difícil apostar polos músicos galegos, pero asegurou que neste caso era "triplemente difícil, porque apostou polos músicos, o compositor e o director", ademais do propio solista. Expresou tamén súa sorpresa pola comodidade sentida no ensaio celebrado onte, "incluso máis que con algunhas orquestras profesionais", precisou. O agradecemento á Tenencia de Alcaldía fíxoo extensivo a Roberto Relova, pola súa aposta polo proxecto, que considerou que pola súa calidade "pode perdurar no tempo".

En representación dos músicos integrantes da orquestra falou a violinista Ana Sin Yuh. Dixo que "xa era hora de que tiveramos unha orquestra xove en Vigo", polo que agradeceu a todos a súa colaboración para facer realidade Xovigo e trasladou a ilusión de todos os participantes no proxecto.
Descargar todas as imaxes