xoves, 10 mar 2011
Abel Caballero visitou este xoves a carpa informativa instalada na rúa do Príncipe pola Fundación Renal "Íñigo Álvarez de Toledo" con motivo do Día Mundial do Ril, onde persoal especializado mide a presión arterial e os niveis de azucre en sangue a todos aqueles que se acheguen. A carpa está habilitada durante a xornada de hoxe, en horario de mañá e de tarde. O alcalde sumouse á concienciación cidadá sobre as patoloxías e a súa prevención.
xoves, 10 mar 2011
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este xoxes os convenios bianuais asinados pola Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Benestar Social coas asociacións Afán, Casa da Caridade, Vida Digna, Hermanos Misioneros e Banco de Alimentos, ás que se lles destinan un total de 150.000 euros. O nacionalista salientou o labor que fan estas entidades na xestión de comedores e reparto de alimentos nunha situación de crise como a actual colaborando coa administración para dar resposta ás necesidades das persoas.
xoves, 10 mar 2011
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou hoxe que a Orquestra Xovigo actuará por primeira vez os vindeiros 12 e 13 de marzo, ás 20.30 horas, no Auditorio Martín Codax do Conservatorio Superior de Música de Vigo coa estrea mundial da obra "Rhapsody in blue", do compositor galego Fernando Buide. O nacionalista expresou a súa satisfacción pola posta en marcha deste proxecto, que comezou a xestarse hai case dous anos e asegurou que amosa a "aposta pola formación dos xoves músicos vigueses".
xoves, 10 mar 2011
O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, presentou este xoves o programa de actividades didácticas complementarias á exposición "Vigo, século XIX: o nacemento dunha cidade", recentemente inaugurada no Museo da Cidade "Quiñones de León". O concelleiro nacionalista salientou que as visitas guiadas ao cemiterio de Pereiró que integran a proposta, dunha hora de duración e gratuítas, son un "elemento ilustrador da historia da cidade", xa que nel se atopan monumentos adicados ás figuras sobranceiras de Vigo desa época.