Escoitar

Tenencia e Benestar destinan 150.000 euros a cinco entidades que xestionan comedores e reparten alimentos

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este xoxes os convenios bianuais asinados pola Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Benestar Social coas asociacións Afán, Casa da Caridade, Vida Digna, Hermanos Misioneros e Banco de Alimentos, ás que se lles destinan un total de 150.000 euros. O nacionalista salientou o labor que fan estas entidades na xestión de comedores e reparto de alimentos nunha situación de crise como a actual colaborando coa administración para dar resposta ás necesidades das persoas.

xoves, 10 mar 2011
1299765699Benestar.JPG
Santi Domínguez destacou que a atención ás necesidades básicas de todas as persoas é unha "prioridade" para os nacionalistas. Pero na situación de crise económica actual, afirmou que esta é "unha prioridade maiúscula, porque as primeiras vítimas son as que menos teñen e as que menos culpa teñen da crise".

O tenente de alcalde asegurou que estas asociacións fan un labor "impagable" no camiño de construír unha "cidade da xustiza e da solidariedade" e puxo como exemplo o esmero co que fan o seu traballo os voluntarios e voluntarias. "É toda unha lección", afirmou. Ademais, indicou que "non debemos esquecer que calquera de nós, nun momento dado, pode sentarse nun comedor".

O nacionalista expresou o seu compromiso de seguir traballando "nesta liña" de colaboracións coas entidades sociais, xa que ao seu xuízo "non podemos permitirnos o luxo de que ningunha destas asociacións desapareza da nosa cidade". Segundo asegurou, "poderá haber recortes noutras áreas, pero non haberá nin un euro menos en Benestar Social".

Os e as representantes das cinco asociacións expresaron o seu agradecemento ao tenente de alcalde e á concelleira de Benestar Social polo seu compromiso coas entidades que traballan coas persoas máis desfavorecidas. Neste sentido, a responsable do Comedor da Esperanza dixo que as palabras de Santi Domínguez son "alentadoras e esperanzadoras" e manifestou a súa confianza no tenente de alcalde "porque nunca nos fallou".

En resposta ás preguntas dos medios sobre as consecuencias da crise en Vigo, os responsables destas cinco entidades coincidiron en apuntar que xa dende mediados do ano pasado experimentouse un aumento das persoas que acuden a estas asociacións. A representante de Afán dixo que mensualmente esta asociación atende aredor de 400 familias, que supoñen 1.000 persoas, entre as que se nota o aumento dos homes sós. A responsable do Comedor da Esperanza destacou o paso de 70 a 115 persoas ao día que acuden a estas instalación. Dende Vida Digna falouse de máis de 1.000 persoas na actualidade. O responsable do Banco de Alimentos sinalou que se ten producido un incremento superior ao 30%, ao pasar de 9.000 a 13.000 persoas, aínda que tamén destacou o aumento da solidariedade, tanto das institucións como das persoas particulares. Finalmente, o responsable dos Hermanos Misioneros, asegurou que esta entidade atende a máis de 1.200 persoas ao mes.
Descargar todas as imaxes