O goberno de Vigo e Iberia Express estudarán en dúas semanas establecer a conexión Vigo-París

martes, 12 mai 2015

Segundo informou o alcalde, o Concello contactou este venres con Iberia Express para plantearlles facer o voo Vigo-París, despois da cancelación da ruta anunciada por Air France, actual operadora desta conexión. Caballero explicou que a compañía de baixo coste xa estaba a estudar esta posibilidade e avanzou que en dez ou quince días se celebrará a primeira reunión.

Caballero eloxia a labor de Aspanaex cos discapacitados e reitera a cooperación municipal

xoves, 30 abr 2015

O alcalde acudiu este xoves ás instalacións de Aspanaex durante a súa xornada de portas abertas, onde trasladou o seu "recoñecemento" á entidade pola atención que presta aos usuarios e a forma "excepcional" na que o fan. Caballero recordou a "cooperación continua" do Concello, con programas de respiro familiar, de terapia canina ou desbloqueando a construción do equipamento asistencial que precisa Aspanaex.

O alcalde recollerá un galardón nacional polo proxecto integral de cidade "Vigo Smart City"

martes, 21 abr 2015

Abel Caballero viaxará mañá mércores a Madrid para recoller o "Premio Smart City 2015" concedido ao Concello de Vigo polo traballo realizado nos últimos cinco anos na mellora da eficiencia da administración e na prestación de mellores servizos á cidadanía. O proxecto premiado recolle as actuacións smart da cidade en materia de humanizacións, mobilidade, medioambiente, novas tecnoloxías e innovación, entre outras.

O alcalde asegura que as novas furgonetas de PSA Vigo garanten o "presente e futuro" do emprego na cidade

xoves, 16 abr 2015

Abel Caballero trasladou este xoves a súa "inmensa satisfacción" polo "notición" de que a factoría de Balaídos fabrique novos vehículos para Opel. Este acordo consolida o "gran proxecto" de PSA en Vigo, no que participa o Concello coa cesión de 50.000 metros cadrados, sitúa á automoción como "elemento central na economía da cidade" e ratifica o "presente e futuro do emprego" en Vigo neste sector.