venres, 10 set 2010
O alcalde informou hoxe venres da saída do segundo grupo do total de 250 alumnos de centros escolares vigueses cara ao Reino Unido, onde estudarán inglés cunha beca do Concello durante tres semanas. Caballero explicou que o próximo curso a cifra superará os 350 -a Escola de Idiomas leva 100 bolsas do Concello- porque "queremos que as nenas e nenos de Vigo estuden inglés en Inglaterra".
venres, 10 set 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, asistiu hoxe ao inicio das obras de reforma do mercado do Progreso que contan cun investimento de 4,5 millóns de euros. O nacionalista salientou que este é un proxecto que se empeza a facer realidade, cumprindo así un máis dos compromisos adquiridos polo BNG. As obras desenvolveranse en diferentes fases, empezando pola construción dun mercado provisional.
venres, 10 set 2010
Abel Caballero acudiu este venres ao CEIP Canicouva, en Castrelos, onde o Concello de Vigo vai executar distintas melloras no centro e ampliará nun 50% a superficie do actual comedor escolar. O alcalde eloxiou a ensinanza pública e aos profesionais da mesma e reiterou o seu compromiso de conceder todas as axudas de comedor que sexan precisas, sen límite orzamentario.
venres, 10 set 2010
O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo celebrada este venres deu luz verde á adxudicación da redacción do proxecto do futuro túnel de Julián Estévez, cun investimento de 1,1 millóns de euros. A empresa adxudicataria do deseño da infraestrutura terá 10 meses para levalo adiante e posteriormente o Concello sacará a licitación as obras.
venres, 10 set 2010
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, participou este venres con representantes da empresa e da Autoridade Portuaria no acto de celebración da primeira escala na cidade olívica do cruceiro de luxo MSC Poesía, que partíu do norte de Europa e rematará nos Estados Unidos tralo seu paso por Vigo.
venres, 10 set 2010
O Museo da Cidade "Quiñones de León" continúa cos seus "Domingos de Museo", onde se poderá seguir gozando da visita dinamizada para nenos, nenas e familias e das visitas guiadas para público en xeral. Este domingo Landriña ensinaralles como antes do nacemento e popularización da fotografía eran os pintores e pintoras quen, nos seus lenzos, retrataban as persoas e as representaban de moi diversas formas. Unhas veces de xeito naturalista ou realista, outras, de xeito imaxinativo e creativo.