Escoitar

Xabier Alonso felicitou a Jorge Casales polo título Europeo de trial e anímouno a compaxinar deporte e estudos

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, recibiu hoxe no Concello a Jorge Casales, novo campión de Europa xuvenil de trial, ao que felicitou polos éxitos acadados este verán. Casales, vigués de 15 anos, gañou o Europeo da súa idade ao imporse en Coazze (Italia) e La Rabassa (Andorra), acabando segundo en Tanvald (Chequia).

xoves, 9 set 2010
128404850209.jpg
O concelleiro interesouse polos deportes do motor, manifestándolle Casales que o trial "é moi divertido". Tamén lle explicou que na derradeira proba, na que quedou segundo, "os xuíces non penalizaron a Steven Coquelin, que fixera un fiasco". De todos os xeitos, Casales dixo ao edil que esa fin de semana "a miña moto non andaba moi ben".

O nacionalista animou a Casales a que siga estudando (está matriculado no Instituto Santa Irene, en 3º de ESO) e preguntoulle polas vindeiras probas do seu calendario. Casales é líder do Campionato Galego senior logo de cinco probas e do Campionato de España junior, coa cita de Peñarroya (24 de outubro), a cuarta de cinco carreiras, como a máis próxima.

Como a todos os e as deportistas que están colleitando grandes éxitos, Casales, que estivo acompañado pola súa nai, recibiu como obsequio un libro sobre Vigo ("Vigo, cidade das ondas"). O concelleiro de Deportes explicou a nai e fillo que o Concello canaliza as axudas aos deportistas individuais a través das bolsas anuais da Fundación VIDE, que sairán de novo no ano 2011.
Descargar todas as imaxes