Escoitar

O alcalde denuncia que "a Xunta está intentando enterrar o Área Metropolitana de Vigo" coas directrices de ordenación do territorio

Abel Caballero fixo hoxe mércores unha "denuncia pública" alertando de que o informe autonómico das Directrices de Ordenación do Territorio "fai desaparecer o Área Metropolitana de Vigo" e a transforma nun ente "menor", sen competencias nin personalidade xurídica. O Concello alegou contra as directrices e Caballero anuncia que seguirá reclamando o Área para a cidade olívica.

mércores, 8 set 2010
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou hoxe mércores públicamente que "a Xunta está intentando enterrar o Área Metropolitana de Vigo" a través do informe das Directrices de Ordenación do Territorio (DOT).

O socialista amosou unha "inmensa preocupación no nome de Vigo e da súa futura Área Metropolitana" xa que as directrices autonómicas transforman o Área nun ente "menor", sen competencias nin personalidade xurídica, o que o alcalde comparou coa actual Mancomunidade.

Abel Caballero indicou que o Concello presentou alegacións a un documento que transmite a "defunción do Área Metropolitana de Vigo" e denunciou que a Xunta de Galicia nunca convocou ao propio alcalde ou ao concelleiro delegado responsable, Carlos Font, para reunións sobre o Área.

Segundo indicou aos medios de comunicación, o alcalde agarda que a Xunta de Galicia dea luz verde de inmediato o proxecto de lei de Área Metropolitana de 14 municipios que compromenteron en campaña electoral pois "está listo para ser aprobado".