Escoitar

Declaración institucional polo Día do Cooperante

O mércores 8 de setembro celebrarase o Día do Cooperante, tal e como foi declarado en Consello de Ministros no 2006, así como a adopción da Declaración do Milenio de Nacións Unidas.<br /> O pleno do Concello de Vigo quere sumarse as dúas conmemoracións e asumir o que significa a cooperación internacional e a loita contra a pobreza, polo que fai a seguinte Declaración Institucional

martes, 7 set 2010
Declaración Institucional

A crise económica dos últimos catro anos ten o seu maior impacto nas persoas máis desfavorecidas. Por iso, a loita contra a pobreza e a desigualdade no mundo segue a ser un dos retos aos que se enfronta a nosa sociedade.

Acabar coa pobreza non só é un compromiso ético, senón unha das condicións básicas que se teñen que dar para acadar un mundo máis xusto e en paz. O compromiso de milleiros de persoas coa cooperación e o desenvolvemento e a loita contra a pobreza constitúe un exemplo para toda a sociedade e para as institucións, e como tal debe ser recoñecido e valorado.

Este compromiso debe referendarse nun apoio total por parte do Estado, da Xunta de Galiza e deste Concello coa labor do cooperante, evitando situacións de risco e que debe traducirse en protexer as vidas de miles de persoas, entre as que se atopan centos de galegos e galegas, que día a día adican o seu esforzo a axudar ás persoas máis necesitadas.

O recoñecemento do imprescindible papel desenvolvido polos cooperantes, unha vez máis posto de manifesto hai escasos días coa catástrofe vivida polo pobo pakistaní, é un deber para o conxunto da sociedade. Todas as institucións democráticas debemos contribuír a poñer de manifesto este labor.

O 8 de setembro é unha ocasión excelente para que dende este Concello poñamos en valor o compromiso ético dos gobernos locais coa solidariedade e manifestemos o noso apoio aos cooperantes.

Por todo isto, e coincidindo coa conmemoración da Declaración do Milenio aprobada pola Asemblea das Nacións Unidas no ano 2000, o Concello de Vigo únese á celebración o 8 de setembro como Día do Cooperante.

O Concello de Vigo recoñece e expresa a súa vontade para difundir o traballo dos e das cooperantes como unha tarefa exemplar que leva a solidariedade de cidades, como a de Vigo, a todos os lugares do mundo.

Finalmente, o Concello de Vigo expresa o seu convencemento de que a cooperación é a convicción plena de que ninguén pode chegar á meta se non chegan todos.