Inauguración na Casa da Cultura dunha exposición de textos da Fundación Penzol sobre o Camiño de Santiago
A dimensión europea da Galicia espiritual. Textos e documentos sobre o Camiño de Santiago na Fundación Penzol" é o título da exposición que se inaugura mañá na Casa Galega da Cultura coa colaboración da Concellería de Cultura. No marco da celebración deste Ano Xacobeo 2010 e co obxectivo de contribuír ao fomento e coñecemento deste patrimonio común, cristalizado a través das peregrinacións a Compostela, a Fundación Penzol, dentro da súa liña de actividades que adoita programar e desenvolver anualmente, organiza esta exposición que permite amosarlle ao público interesado unha selección daqueles seus fondos bibliográficos e documentais que gardan relación ou versan encol do Camiño.
O proxecto pretende dar a coñecer e por en valor os fondos relativos á peregrinación compostelá ao longo dos séculos, dende a Idade Media ata os nosos días, que atesoura a fundación. Baseándose maiormente en documentos de carácter histórico e literario e mais en paneis explicativos que enmarcarán as pezas nos distintos contextos históricos e culturais, os aspectos capitais deste proxecto estarán dedicados á catedral, ao Liber Sancti Iacobi (século XII), texto crucial do medievo compostelán, ás peregrinacións e ás múltiples facetas do fenómeno xacobeo nos últimos séculos. De acordo co espírito da Fundación Penzol, a mostra presentará ao tempo as dimensións galega, española e europea do culto compostelán e o seu papel na cristiandade de Occidente.
O proxecto expositivo contará con dúas actividades complementarias, unha conferencia inaugural e unha mesa redonda de clausura que pretenden afondar no tema cunha posta en común, deliberación e análise dende diferentes puntos de vista, tanto espirituais como materiais -relixioso, xeográfico, histórico, artístico, literario, etc.-, así como na súa influencia na cultura europea. Correrán a cargo de especialistas todos eles nas devanditas materias ou facetas.
Non é esta a primeira ocasión na que a fundación organiza este tipo de iniciativas de temática xacobea. Xa no ano 1999 celebrou con grande éxito de partipación e asistencia unha semana cultural baixo o nome de "As pegadas da cultura europea nos Camiños de Santiago" na que se desenvolveu un amplo e variado calendario de actividades.
Descargar todas as imaxes