Escoitar

Puri del Palacio achega á Alcaldía a colección "Divertimentos de academia"

Dentro do ciclo "Mostrarte" Abel Caballero presentou a exposición que cualificou coma "unha lección maxistral de pintura" e na que a artista amosa o seu amor pola academia pero tamén pola forma, polo debuxo, a parte lúdica da pintura e a experimentación. O rexedor confía en que o espazo público da Alcaldía teña cada vez "máis sensibilidade artística"

martes, 7 set 2010
1283864320expo.jpeg
O alcalde de Vigo inaugurou este martes a mostra pictórica da artista Puri del Palacio, incluída na convocatoria Mostrarte, na que se achega o mundo da arte ao público, coa exposición de obras nas dependencias da Alcaldía, de artistas vencenllados a cidade de Vigo.

Nacida en Madrid e formada na Escola de San Fernando esta artista plasma anacos das súas experiencias vitais que teñen lugar na súa cidade de adopción, Vigo, desde hai máis de 40 anos. Cunha personalidade creativa, Puri del Palacio trae a esta mostra desde evocadoras paisaxes ata fermosos bodegóns.

A mesma artista recoñece que o título da colección- "Divertimentos de academia"- é o fío condutor que une, dunha ou outra maneira, todos os cuadros. "É o amor pola academia, pola forma, polo debuxo, a luz...e o divertimento, o xogo persoal, a parte lúdica da pintura, a experimentación", asegura. "Amo a disciplina, o rigor pero tamén a experimentación e divertirme", indicou del Palacio.

Disciplina e xogo, simbiose coa que realiza unha chiscadela ao espectador, á seriedade, ao pop e a mensaxe, como ela mesma recoñece. Puri del Palacio toca nesta exposición naturezas mortas pero tamén vivas, dialogando outra vez cos clásicos e achegándose ás "ondas do mar de Vigo", coas que Martín Codax plasmou a ausencia do amado e a necesidade do amor.

Na presentación Antón Pulido realizou un percorrido polo itinerario vital dos artistas e destacou da autora da colección o seu dominio da luz, dos retratos, da figuración e sobre todo dos divertimentos. "Xoga e divírtese", explicou Pulido, quen resumiu a autora coma unha pintora "extraordinaria" e "cun bo ramallete de amigos".

Polo ciclo "MOSTRARTE", que ven desenvolvéndose na Alcaldía viguesa desde hai dous anos pasaron xa artistas como A. Quesada, X. Pousa, Abreu Bastos, Solveira... e outros artistas de recoñecido prestixio que están íntimamente vencellados a cidade.
Descargar todas as imaxes