mércores, 8 setembro 2010

Abel Caballero sinala que o Concello contará con "alo menos" 10 millóns de euros máis en 2011 "sen endebedamento adicional"

O alcalde informou que o Goberno de España atenderá "as tesis de Vigo" sobre o financiamento dos municipios e terá en conta o nivel de débeda de cada concello para o próximo ano. Vigo, a gran cidade menos endebedada de España en réxime común, poderá así renovar as súas amortizacións e sumará ao seu financiamento "alo menos" 10 millóns de euros "sen endebedamento adicional".

O alcalde presenta dous novos camións de bombeiros e cifra en 3,1 millóns o investimento municipal neste servizo

mércores, 8 set 2010

O alcalde, Abel Caballero, e o concelleiro de Seguridade, Xulio Calviño, presentaron este mércores dous novos camións para o servizo de bombeiros, cun investimento de 550.000 euros. O rexedor fixo balance dos investimentos neste servizo nos tres anos de mandato, cifra que supera os 3 millóns de euros, e anunciou a creación de 17 novas prazas.

Santi Domínguez anuncia que o sábado se inaugura o mercado tradicional que cada mes terá o Paseo de Alfonso

mércores, 8 set 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou hoxe "Feira", o mercado de produtos tradicionais que se inaugurará o vindeiro sábado no Paseo de Alfonso e que terá unha periodicidade mensual. O nacionalista salientou que se trata dunha medida máis para revitalizar o Casco Histórico ao tempo que se pon en valor a tradición dos artesáns, que foron peza fundamental no desenvolvemento do barrio.

O alcalde denuncia que "a Xunta está intentando enterrar o Área Metropolitana de Vigo" coas directrices de ordenación do territorio

mércores, 8 set 2010

Abel Caballero fixo hoxe mércores unha "denuncia pública" alertando de que o informe autonómico das Directrices de Ordenación do Territorio "fai desaparecer o Área Metropolitana de Vigo" e a transforma nun ente "menor", sen competencias nin personalidade xurídica. O Concello alegou contra as directrices e Caballero anuncia que seguirá reclamando o Área para a cidade olívica.

Benestar Social incrementa nun 14% a concesión de becas de libros e comedor que chegan a 2.258 solicitantes

mércores, 8 set 2010

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou hoxe que o seu departamento concederá este ano un 14% máis de becas de libros e comedor que o curso pasado. O incremento do orzamento permitiu atender a 2.258 solicitantes, 1.724 son de axudas de comedor e 534 de libros. A nacionalista salientou que nunca antes se concederan tantas becas e precisou tamén que nos dous últimos cursos practicamente se duplicou o orzamento e o número de persoas atendidas.

Inaugúrase a exposición "Os anos escuros" con 80 fotografías dos fondos do Arquivo Pacheco

mércores, 8 set 2010

A Casa das Artes acolle mañá a inauguración da exposición "Os anos escuros" con fondos do Arquivo Pacheco. A mostra fotográfica presenta, a través dun conxunto de case oitenta fotografías, o tempo que seguiu ao golpe de estado que se produciu no verán de 1936. Esta é unha máis das iniciativas que a Concellería de Cultura está a desenvolver para poñer en valor o legado do Arquivo Pacheco e amosalo á cidadanía.